FERROL360 | Luns 20 xullo 2015 | 19:38
Apuntade no calendario as vindeiras datas: 30 de xullo ao 2 de agosto e do 6 ao 9 de agosto, porque terá lugar unha nova edición do «Narón Gastronómico». Unha iniciativa na que colaboran o Concello de Narón, a Cooperativa do Campo do Val, Mercaval e a D.O. Ribeiro, e que ten como obxectivo a posta en valor do pemento do Couto e o tomate negro de Santiago.
Entre as actividades a desenvolver neste programa inclúese a terceira edición da «Ruta Gastronómica», unhas xornadas de degustación de pinchos que terán como ingredientes algúns destes dous produtos. Os locais interesados en participar poden anotarse ata este martes no enderezo: narongastronomico@naron.es. As tapas serán gratuítas e de libre creación.
As persoas que se acheguen aos establecementos participantes poderán participar no sorteo de cestas con produtos da horta se consumen a tapa da ruta e cubren o cupón cos seus datos. Sortearanse fins de semana enogastronómicos; vales de compra nos establecementos Mercaval; lotes cunha guía de viños, un libro do Ribeiro, unha botella de viño branco e outra de tinto.
Showcooking en Lugo
Para proxectar e dar a coñecer os produtos da terra fóra da comarca, o día 23 de xullo farase unha presentación Showcooking con degustación posterior do pemento do Couto e o tomate negro nun dos restaurantes máis emblemáticos de Lugo: Paprica. Con motivo desta iniciativa elaborará creacións exclusivas e innovadoras a base destas dúas hortalizas do campo naronés.