FERROL360 | Martes 17 maio 2022 | 11:38
Un mercado de produtos de proximidade, unha plataforma de proveedores locais e un circuíto rural de experiencias culturais son algúns dos proxectos empresariais que se propoñen dentro do Plan de Proximidade Local do Concello de Narón. Un programa que busca impulsar e fomentar a economía de proximidade.
Un dos aspectos sobre os que afonda a iniciativa é a falla de desenvolvemento do sector primario en Narón. Unha carencia que se fixo máis evidente coa pandemia, xa que se incrementou o senso de pertenza e colaboración, o que pode representar unha oportunidade para ofrecer máis apoio ao comercio e a produción local.
O plan marca as liñas estratéxicas a seguir no ámbito da economía de proximidade, que pasan pola dixitalización das administracións, o aproveitamento dos recursos naturais, a cooperación e o I+D+i. A implantación de mercados municipais para incrementar os proveedores locais, a promoción de campañas para fomentar o consumo local e a fidelización dos produtos locais son tamén eixos básicos do programa.
No marco desta inciativa tamén se propuxeron como proxectos empresariais a creación de empresas de loxística local e a creación dunha comercializadora de produtos do campo.