FERROL360 | Sábado 22 xuño 2019 | 19:29
A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990). Soubemos da boa nova o pasado martes, cando se deron a coñecer as dúas candidaturas presentadas co nome do ferrolán, que logo de sete veces acada o recoñecemento que a RAG negoulle todos estes anos.
Asinando os seus escritos como Carvalho no canto de Carballo desde 1981, sinala a Real Academia que é «unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX».
Couce Pereiro nomeando a Carvalho Calero Fillo Predilecto de Ferrol (foto: Concello)
Destacan da súa traxectoria que foi membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, que participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e «implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio»: «Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas».
Xustiza, polo tanto, para o profesor ferrolán do que a RAG esqueceu apuntar que froito súa fonda preocupación pola coherencia histórica e lingüística defendeu as teses etimolóxicas que terían continuidade no movemento reintegracionista, unha decisión que lle custaría a marxinación nos derradeiros anos da súa vida por moitos intelectuais.
Os parabéns do Concello
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, fixo pública a súa satisfacción pola ratificación do pleno destacando que se «vén facer xustiza despois de varios anos solicitando o recoñecemento do que foi un brillante filólogo e escritor non só orixinario da nosa cidade, senón ademais moi vencellado coa mesma».
Carvalho Calero recibiu en 1990, de mans do rexedor Manuel Couce Pereiro, o título de Fillo Predilecto da cidade no día de San Xiao:
Carvalho Calero recibindo o título de Fillo Predilecto de Ferrol (foto: Concello)
Porén, non sería xusto rematar estas liñas sen lembrarnos dos impulsores da candidatura do profesor durante todos estes anos -2010, 2011, 2013, 2014, 2015, 2016 e 2018-, a comisión formada por Xosé María Dobarro, Xosé Manuel Pazo, Bernardo Máiz e Vitor Santalha que procuraron apoios institucionais, sociais e culturais para que este recoñecemento fora unha realidade.
«Avaliamos como moi positiva esta decisión e facemos votos para que a sociedade ferrolá e a Galiza enteira tiren o máximo proveito desta circunstancia. Porén, afirmamos que o pensamento e obra de don Ricardo vai alén do Día das Letras e convidamos aos nosos cidadáns a seguir reivindicándoo. O noso contributo será a publicación Hei de entrar no meu povo. Reivindicarmos Carvalho Calero, libro que, da man da editorial Embora, verá a luz en breve», adiantan.