Home / Actualidad / O pleno de Narón aproba as modificacións das ordenanzas fiscais de 2016

O pleno de Narón aproba as modificacións das ordenanzas fiscais de 2016

FERROL360 | Venres 30 outubro 2015 | 13:42

O pleno de Narón deste xoves aprobou a modificación das ordenanzas fiscais e prezos públicos para o ano 2016, cos votos a favor do grupo de goberno conformado por TEGA, PSOE e BNG. Unha modificación que permitirá baixar o tipo de gravame do BI ata o 0,66 % e incrementar as bonificacións para as familias con menos ingresos. Tamén se bonificarán as licencias de apertura nun 15 % aos emprendedores que impulsen pequenos e medianos negocios.

Asimesmo, a sesión deu luz verde a unha modificación de crédito por importe de 118.845 euros, reservados inicialmente para o convenio do novo centro de saúde, pendente de asinar coa Xunta de Galicia, e que se destinarán á adquisición de tres vehículos para o Servizo de Emerxencias Municipal.

Tamén aprobouse a participación no Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, por un importe que en conxunto ascende a 647.535 euros, dos que 387.718 se destinarán á realización de varias obras de mellora de viais e os 259.817 restantes a gastos correntes. Estas días iniciativas sairon adiante cos votos favorables do grupo de goberno.

Precisamente sobre as obras, o grupo de Eliximos Narón Electores denunciou que o Concello está a pagar sobreprezos e afirmou que «estase a pagar ata 3 veces o custo normal por traballos técnicos, como ocorreu co recen paralizado proxecto da reitoral de Pedroso por incumprimento da normativa». Desde o grupo sinalan que noutros concellos os traballos técnicos como os do POS fannos os propios funcionarios locais, e en Narón, «aínda por riba de pagar sobre prezos, presentan bastantes deficiencias e erros, que no caso das obras do POS-2016 roldan os 8000 euros».

Así as cousas, ENE asegurou que as valoracións teñen uns orzamentos incrementados nun 40 %, «así que poderíamos estar a falar de mais de 160.000 euros de sobre prezos». O grupo advirte que aínda que á hora de licitar os prezos tendan a baixar, «non cremos que o faga nun 40 % e, por tanto, estaremos a pagar sobre custos moi importantes».

Solicitude con Ferrol das axudas do Urban

O pleno respaldou por unanimidade solicitar conxuntamente con Ferrol dúas axudas: ao Programa Urban e ao programa Red.es para o desenvolvemento do programa de ciudades intelixentes da Axenda Dixital para España. Tamén por unanimidade aprobáronse as bonificacións de taxas de rede de sumidoiros, subministración de auga potable e recollida de refugallos para 2015 e a modificación do regulamento que establece os criterios xerais de produtividade do Concello.

Por outra banda, ao inicio da sesión plenaria xurou o seu cargo a nova concelleira do Partido Popular, Esther Carballeira, que substitúe ao edil Miguel de Santiago, tras renunciar este último á súa acta de concelleiro o pasado mes de setembro.

Moción EU Cementeira de Castro

No apartado de mocións, o texto presentado por EU sobre a cementeira de Castro, non se aprobou polos votos en contra de TEGA e PP. O BNG abstívos e votaron a favor EU, PSOE e ENE. Desde EU denuncian que «TEGA alíase co PP» para tumbar esta moción, «mentres o BNG mira para outro lado». O voceiro do grupo, André Abeledo, dixo na súa intervención que «ningún partido que defenda os dereitos dos veciños pode votar en contra deste acordo».

Abeledo manifestou que é hora de comezar a facer xustiza a unha loita veciñal de 12 anos, que «demostra como a mobilización, a perseveranza, e o compromiso son capaces de vencer xigantes». O voceiro lembrou que a postura dos veciños de Castro está amparada por sentenzas xudiciais firmos do Supremo e do TSXG. «Este proceso xudicial chegou ó seu fin, e non deixa lugar a dubidas sobre a ilegalidade da Cementeira de Castro», concluíu.

Resto de mocións

As mocións do PP sobre o establecemento de criterios xustos e obxectivos nas axudas deportivas e para que se aplique na factura de Cosma un desconto polos días nos que a auga non foi apta para o consumo non obtivo o voto favorable de ningún dos edís do resto de grupos da corporación municipal.

A presentada por Eliximos Narón Electores sobre mellora de accesibilidade e atención ao público, que chegaba ao pleno co ditame desfavorable da Comisión, non obtivo o respaldo necesario para saír adiante. Mentres que o texto presentado polo grupo a favor de solicitar á Xunta unha mellor cobertura das ambulancias de Urxencias Sanitarias do 061 na área de Ferrolterra respaldouna a totalidade da corporación local.

Todos os grupos políticos a excepción do PP apoiaron tamén a moción do grupo de goberno sobre a ILP impulsada pola CIG sobre medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética.

Por unanimidade, a corporación local respaldou as declaracións institucionais sobre a Marcha Estatal contra as Violencias Machistas de 7 de novembro e a relativa á crise de refuxiados sirios causada polo grave conflito armado en Oriente Medio.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies