Home / Actualidad / O pleno de San Sadurniño amosa o seu apoio aos sectores produtivos da comarca

O pleno de San Sadurniño amosa o seu apoio aos sectores produtivos da comarca

Sesión plenaria en San Sadurniño, 6 xullo. (Foto: Ary López)

Sesión plenaria en San Sadurniño este sábado (foto: Ary López)

ARY LÓPEZ | Sábado 6 xullo 2013 | 16:42

San Sadurniño celebrou na mañá deste sábado un pleno ordinario no que se abordaron oito puntos. Na sesión desenvolvéronse cinco temas principais: as contas xerais do 2012, dúas mocións nacionalistas, a modificación da relación de bens do Concello e unha normativa orgánica local.

A modificación do inventario de bens do Concello supón a compra dunha finca na parroquia de Ferreira por valor de 1.000 euros. Nela, instalarase unha foxa séptica comunitaria que dará servizo a unha decea de vivendas próximas. Foi aprobada por unanimidade.

A continuación, o PSdeG-PSOE e o BNG votaron a favor das contas xerais do pasado ano, nas que o resultado recollido por Facenda reflicte un 80% de gastos fronte a un 82% de ingresos. O Partido Popular abstívose. Neste apartado, o voceiro do goberno local, Suso Soto, sinalou que “o Concello saldou unha conta pendente cunha entidade bancaria e, polo tanto, os resultados son positivos”.

Mocións

De seguido viñeron dúas mocións do grupo nacionalista. A primeira delas referíase á defensa dos postos de traballo da factoría de Gamesa nas Somozas, unha empresa que conta cunha plantilla de 250 persoas e que está pendente da aprobación dun expediente de regulación de emprego.

O representante popular, Plácido López, amosou a súa “solidariedade cos traballadores de Gamesa” e o seu partido votou a favor da moción. Pola súa banda, o socialista Fernando Márquez indicou que “esta empresa recibiu numerosas axudas públicas e non se debe consentir a diminución de carga laboral.”

A segunda moción nacionalista facía referencia á “falla de compromiso” da Xunta de Galicia e do Goberno Central en canto á situación laboral da comarca de Ferrolterra. O BNG fixo especial fincapé na resposta da sociedade civil na folga do pasado 12 de xuño, pola cal se reflicte a “desesperación total”, consecuencia da crise económica.

“Queremos instar a aqueles que adquiriron compromisos electorais para que leven a cabo as medidas que prometeron. Hai un ano que aseguraron dous floteis, carga de traballo, un dique flotante e un plan de desenvolvemento do sector naval. Hoxe aínda non hai nada feito”, engadiu o voceiro nacionalista.

O PP votou en contra alegando a “hipocresía do BNG por apoiar os orzamentos de Zapatero”. Suso Soto puntualizou que “o BNG en Madrid só apoiou dous orzamentos, nun dos cales proviñan 500.000 euros para San Sadurniño. A primeira vez na historia que o Estado concede unha axuda directa a esta localidade”.

Plácido López tamén recibiu a contestación de Manolo Varela, concelleiro nacionalista e traballador de Navantia: “Non admito que me chames hipócrita. A responsabilidade vén da dirección e dos políticos que os manteñen no cargo. Se non valen, haberá que botalos.”

O socialista Fernando Márquez, que votou a favor, afirmou que “non existe un compromiso real por parte da Xunta, e, aínda que ás veces as mocións non levan a ningures, neste caso é necesaria”. A proposta foi aprobada por maioría.

Regulamento

Por último, o punto máis denso da xornada plenaria foi a aprobación do regulamento orgánico para o funcionamento do Concello. Aspira a ser un instrumento regulador dos asuntos públicos, un estatuto da veciñanza e unha guía e norma de obrigado cumprimento para garantir “o bo funcionamento dos órganos políticos” e “a súa transparencia e apertura cara á cidadanía”, como indica o texto.

En palabras do alcalde, Secundino García, “trátase dun regulamento sinxelo pero completo, que favorece os debates e o acceso á información por parte da cidadanía.” Foi aprobado cos votos a favor do PSdeG-PSOE e BNG, fronte á abstención do PP.

Rogos e preguntas

No apartado de rogos e preguntas, os populares formularon unha moción urxente para condear o terrorismo e as accións dos membros de Resistencia Galega. A corporación valorou o seu grao de urxencia e, polo voto maioritario dos nacionalistas, non será debatida ata o vindeiro pleno.

Pola súa banda, o grupo socialista tamén espuxo unha moción relativa á situación de Megasa, que emprega de xeito directo a 200 persoas. Márquez (PSdeG-PSOE) dixo que, na actualidade, “Megasa non pode ser competitiva coma o resto de empresas”.

Tamén insta á Xunta e ao Goberno Central a “tomar medidas urxentes para modificar a lei que castiga ao sector siderúrxico na nosa comarca”. Cos votos a favor de PP, PSdeG-PSOE e BNG, aprobouse a moción.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies