FERROL360 | Xoves 14 abril 2016 | 16:14
Andrés Fernández Graña, número dous da lista do Partido Popular ás eleccións municipais en San Sadurniño, rexistrou este martes no Concello a súa renuncia ao cargo de concelleiro da corporación. No escrito, Fernández aduce razóns persoais para deixar o seu posto que, de acordo coa normativa electoral, deberá ser ocupado pola seguinte persoa da lista.
A súa renuncia sorprendeu ao goberno municipal xa que, segundo explicou o alcalde, Secundino García, «a nova corporación aínda non cumpriu o ano de vida». Con todo, para o rexedor, a marcha de Fernández «merece todo o respecto».
Unha vez rexistrada a solicitude de renuncia, o pleno municipal deberá tomar coñecemento oficial e comunicarllo á Xunta Electoral xunto co nome do substituto ou substituta, que se designará seguindo a orde da lista coa que o PP concorreu ás eleccións municipais de maio do ano pasado.
De acordo coa lista electoral, a vacante correspóndelle a María Belén Trigo Meizoso que, no caso de aceptar a proposta da Xunta Electoral, tomará posesión na seguinte sesión plenaria. Se non aceptase, o pleno debería tomar de novo coñecemento da cuestión e propoñer o seguinte nome da lista. O Partido Popular ten nestes momentos tres escanos dunha corporación con 11 representantes.