Home / Cultura / O programa Apego achega a Ferrol tres actividades infantís para fomentar o uso do galego en familia

O programa Apego achega a Ferrol tres actividades infantís para fomentar o uso do galego en familia

FERROL360 | Venres 7 outubro 2016 | 19:11

O programa Apego, pola vida e pola lingua, unha iniciativa xurdida para axudar ás familias á socialización en galego e propoñer o uso da lingua galega para crear vínculos entre pais, nais e fillos, achega á cidade de Ferrol tres actividades destinadas ao público infantil da man da área de Normalización Lingüística que dirixe Álvaro Montes.

Por unha banda a figura da oceanógrafa ferrolá máis internacional, Ángeles Alvariño, será a protagonista dun obradoiro o vindeiro día 12 deste mes de outubro, neste ano que conmemoramos o centenario do seu nacemento.

Servirá para descubrirlles aos cativos dende os 3 aos 10 anos diferentes especies e conciencialos da importancia de protexer os ecosistemas mariños. É unha actividade de balde que terá lugar no Antigo Hospicio e non precisa de reserva previa. Comeza ás 12:00 horas.

O día 28 ás 19:00 horas Teatro Ghazafelhos sube a escena o espectáculo Iriña Bailarina, dirixido a promover a igualdade xogando ao intercambio de roles. Será tamén na capela do Torrente Ballester e con entrada libre ata completar aforo. Recoméndase que os rapaces veñan acompañados de ata dúas persoas adultas.

Finalmente, o 4 de novembro chegará a obra Brinca Vai, unha actividade «para xogar e pensar, bailar e cantar». Tamén poden participar os pequenos acompañados de de dúas persoas adultas. Terá lugar igualmente na capela do Torrente Ballester, ás 19.00 horas, cunha duración de 60 minutos.

As entradas para estas dúas funcións no Torrente, malia ser de balde, teñen que recollerse no teatro Jofre. Estarán a disposición do público o sábado anterior a cada actuación ou na capela o mesmo día do espectáculo, repartindo un máximo 3 entradas por persoa.

Montes lembrou que o programa Apego está pensado para aquelas familias que queiran que a lingua galega forme parte da súa vida. Neste sentido, animou a todas a se achegar ao servizo de Normalización do Concello e recoller un «agasallo» con recursos, servizos e materiais que facilitarán a tarefa de incorporar o galego na comunicación cos fillos.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies