FERROL360 | Martes 16 xuño 2015 | 17:54
O proxecto de intervención no entorno do mosteiro de Caaveiro, deseño de Isabel Aguirre e Celestino García, vén de recibir o Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico na categoría de espazos exteriores. O xurado destacou a súa «renuncia a favor da expresividade do lugar» e que «cunha economía de recursos consegue unha máxima integración co sitio».
Este proxecto foi elixido entre máis de 32 propostas e os expertos resaltaron da intervención que «nun mundo global, esta obra representa un manifesto en defensa da recuperación da identidade, a memoria e a natureza». Así, entre os seus elementos resalta, por exemplo, os accesos que foron creados a través dun camiño de lousa.
O Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico é un certame organizado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Cataluña e a Agrupación de Arquitectos para a Defensa e a Intervención no Patrimonio Arquitectónico, en colaboración da Generalitat de Cataluña, co obxectivo de distinguir a boa práctica patrimonial e contribuír á súa propagación.
Nesta segunda edición presentáronse case 200 obras de 25 países diferentes. Ademais, con este premio, que se divide en categorías, clausúrase a Bienal Internacional de Intervención no Patrimonio Arquitectónico AADIPA que se celebrou o pasado venres en Barcelona.