FERROL360 | Xoves 6 outubro 2016 | 14:54
O salón de actos do Hospital Naval acollerá este venres a I Xornada de Patoloxía do Chan Pélvico, organizada polo Servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Ademáis, este sábado tamén se celebrará unha sesión informativa tipo coloquio aberta ao público en xeral. Será ás 12:00 horas no salón de actos do Arquitecto Marcide.
Un grupo de profesionais especialistas responderá ás preguntas da cidadanía en relación á incontinencia urinaria, ás síntomas e como se pode solucionar, por exemplo. Este encontro conta con relatores de distintos puntos de España, que abordarán a valoración funcional do chan pélvico; a aproximación ás súas patoloxías máis frecuentes; e a súa abordaxe terapéutica.
Esta xornada, segundo indican dende o Servizo, está dirixida a médicos de centro de saúde, rehabilitadores, xinecólogos, neurofisiógos, especialistas en dor, urólogos ou coloproctólogos interesados na materia.
Expertos do territorio nacional
Na I Xornada abordarase a anatomía e a fisioloxía do chan pélvico; a exploración da incontinencia Urinaria de Esforzo; a Incontinencia Urinaria de Urxencia e a vexiga neuróxena; a dor pélvica e a incontinencia anal; o tratamento preventivo de lesións de Chan Pélvico dende a Enfermaría xinecolóxica; e, por último, os tratamentos, tanto o conservador como o cirúrxico.
Para falar de todas estas cuestións reúnense expertos da área sanitaria ferrolá e de toda España. Xunto coa responsable do Servizo, Concepción Baamonde Pedreira, participan como moderadoras as especialistas de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Universitario ferrolá, Mercedes Doval Álvarez, e María Vázquez Gómez.
Como relatores participarán o especialista en Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica da área ferolá, o matrón Alberto López Serantes; e a fisioterapeuta do Complexo, Esther Ruíz Calero. Tamén intervirá o que foi o xefe de Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia, o especialista Javier Martínez Pérez- Mendaña.
A estes engádense as especialistas en Medicina Física e Rehabilitación do Hospital Domínguez de Pontevedra, Lucía Camino Martínez; do Hospital de Guadalajara e xefa de Servizo, Lourdes Gil Fraguas; e do Hospital Las Palmas de Gran Canaria, Isabel Montes Posada.
Xunto con estas profesionais, o especialista e Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense, Roberto Rodríguez Núñez; e o especialista en Uroloxía e xefe do servizo do Hospital Río Ortega de Valladolid, Luis Rodríguez Toves.