FERROL360 | Mércores 19 marzo 2014 | 19:17
O grupo ourensán O Sonoro Maxín continúa movendo polos escenarios o seu primeiro e tan agardado disco de estudio. A onda sonora (chega do interior) é o título dun álbum composto por trece cancións que chegan, como os seus propios autores din, «dun mar quente e profundo, dun océano interior». Un traballo que «esperta os bailes que aínda están por inventar e camiña polas rúas que pisamos aínda que por elas estea prohibido pasear».
O Sonoro Maxín naceu no ano 2007 froito doutros proxectos musicais como Lamatumbá, The Pigmalions ou Mutenrohi. A súa discografía complétase con diferentes recompilatorios, homenaxes e colaboracións con outros artistas.
Ico -voces-, Abraham -guitarras-, Samuel Figueiras -controlador de vento midi e frauta traveseira-, Cristina Asenjo -acordeón-, Xurxo Brea -baixo-, Jaime Mateo -batería- e Marcos Vázquez -percusións- son sinónimo de festa rachada. Esta banda percorre estilos tan variados como a cumbia, o reggae, o rock, o ska, o bolero ou a rancheira. Isto fai que sexa imposible estar parado ante uns músicos que devoran os directos e este sábado terán ocasión de demostralo. A partir das once e media da noite ofrecerán un concerto no Café Dzine, en San Sadurniño, onde a entrada custa 5 euros.