Home / Actualidad / “O Tanque de Tormentas é beneficioso para o conxunto da cidade e non crea ningún perxuizo a particulares”

“O Tanque de Tormentas é beneficioso para o conxunto da cidade e non crea ningún perxuizo a particulares”

FERROL360 | Xoves 18 xullo 2013 | 21:21

A Asociación Veciñal de Esteiro considera que a construción do tanque de tormentas no parque Pablo Iglesias “é aceptable e é beneficiosa”. Sinalan desde a entidade que as súas propostas e as dos técnicos municipais foron aceptadas e engaden que o conxunto da cidadanía vai gañar moito máis do que perde.

Explican que, con esta actuación, a depuradora de Caneliñas entrará en funcionamento en prazo, vanse solventar os problemas de anegamentos por mor das choivas na zona,e conseguiuse un novo parque de xogos infantís. Ante esta situación, afirman que “o tanque de tormentas do parque Pablo Iglesias de Esteiro é beneficioso para o conxunto da cidade e non crea prexuízo a particulares”.

Aseguran que vaise ubicar “totalmente soterrado e cuberto cun manto vexetal”, tal e como propuxeron. Apuntan tamén que “ademáis de ter enriba un parque, poderá ter céspede e árbores de pequeno porte”. Ademais, “vaise tentar replantar as árbores afectadas, que non van ser cortadas, senón que se van retirar coas súas raíces”.

Desde a asociación veciñal afirman que conseguiuse un segundo parque de xogos, que estará listo antes do comezo da obra. Sinalan que en ningún caso “van comezar as obras ata que o parque estea funcionando nun lugar próximo”.

Tamén comentan que “conseguiuse rebaixar a altura da caseta de bombas e que a empresa construtora emita un certificado, que ten valor legal, de que non vai haber nin ruídos nin cheiros”. O edificio ten 200 m2 nun parque de 20.000 m2, conclúen.

Existe un compromiso de realizar a obra no menor tempo posible. Cun sistema de construción que consolida primeiro o perímetro do tanque, cunha cimentación, e logo comeza a retirarse a terra. “E moito menos agresivo e produce moitas menos molestias que outros sistemas de construción”, din.

Asimesmo, sinalan que forma parte da rede de saneamento da ría, que “unha vez saneada vai permitir que varios centos de persoas poidan atopar traballo na pesca e no marisqueo nunha comarca que ten o índice de paro máis grande de toda Galicia”.

Tamén indican que vai permitir que na Estrada da Trincheira “non haxa máis anegamentos por mor das choivas”. “Outro tanto diante do edificio do Gusano, onde non só se forman enormes pozas de auga senón que mesmo, como en setembro do 2011, flúen augas fecais”, engaden. Subliñan que, co tanque de tormentas do parque Pablo Iglesias, nunca máis voltarán a acontecer eses asolagamentos.

A razón de que se elixa ese lugar, comentan desde a asociación, “é técnica e non política”. E apuntan que debaixo do parque pasan dous colectores “contra os que ninguén protestou, e por iso faise aí o tanque”.

A entidade explica que, de non facer unha obra que está adxudicada, pode haber unha demanda da empresa reclamando danos e prexuízos; atraso na entrada en funcionamento da depuradora e da rede de saneamento; custo adicional de redactar un novo proxecto ou modificar o actual e perda de millóns de euros recibidos da Unión Europea.

Por outra banda, comentan que na parte sur da ría está case rematada a rede de saneamento que vai entrar en funcionamento este ano. “Construíuse unha estación depuradora en Punta Avarenta, cinco tanques de bombeo e están case construídos os 21 tanques de tormentas. Un tanque vai na praza do Pedregal, no porto de Redes, e outro no parque Rosalía de Castro de Ares, preto da praia, e para o que houbo que talar moitas árbores centenarias”, sosteñen.

“Que nós saibamos, non houbo protestas nin de alcaldes, nin de concellos, nin de partidos políticos, sindicatos, asociacións veciñais, mariscadores, pescadores, particulares e nin tampouco de asociacións ecoloxistas. Reiteramos que o proxecto está case rematado”, opinan.

Ante esta situación pregúntanse “por que en Ferrol hai protestas, mocións e interpelacións”, se “son distintas as persoas de Ferrol das da outra banda da ría”, se “teñen máis dereitos os desta banda que os da outra” e se “os concellos de Ares, Mugardos e Fene e os partidos que os conforman non defenden á cidadanía deses lugares”.

En canto ao tanque que se ía colocar no parque da Ranita, a entidade afirma que “estivemos de principio a fin nesa loita”. “Iso non é o que ocorre no tanque de tormentas de Esteiro, que forma parte do proxecto final e está adxudicado”, indican.

Conclúen sinalando que “hai unha grande batalla que dar e que vai requerir da mobilización de todos e todas”, en referencia a “impedir que se privatice a rede de saneamento pública e a estación Depuradora. E nesa batalla a Asociación Veciñal de Esteiro estará, como está, en todas as que defenden o ben común e o interese xeral”.

Un comentario

  1. Felipe do Muíño

    La Asociación de Vecinos de Esteiro, como siempre, dando la cara, sin esconderse y con propuestas juiciosas y bien elaboradas y argumentadas. Algo que no es muy habitual en Ferrol y comarca, donde siempre decimos NO,NO y NO a todo y siempre aparecen demagogos y encantadores de serpientes dispuestos a salvar el mundo, su mundo, y hacer de guías espirituales.
    Así nos va

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies