FERROL360 | Luns 4 maio 2015 | 18:27
O CMI Unidade de Fene acollerá este sábado, 9 de maio, o acto de presentación do libro Ruído de trens, de Eduard Velasco, gañador do XXVVII Premio Nacional de Poesía «Xosémaría Pérez Parallé». A cita, aberta a todo o público, comezará ás 20:30 horas e finalizará coa actuación do grupo Sondenós. No acto se darán a coñecer as bases da convocatoria da nova edición do premio.
Eduard Velasco, nado en Barcelona en 1982, reside en Compostela desde 2006. É licenciado en Filoloxía Catalana e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Adícase á divulgación cultural entre as culturas galega e catalana e colaborou en varios medios galegos.
O libro gañador publícase na prestixiosa colección de poesía Espiral Maior, a máis extensa colección de poesía da historia da literatura galega. Ademais, desde hai uns anos, o premio incorpora para o gañador unha escultura de cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé e máis unha dotación económica de 1.000 euros.
O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor, recomendándose que as obras teñan unha extensión mínima de 300 versos.
Deberán presentarse baixo pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado. En todo caso, os autores e autoras presentarán un libro de poesía en lingua galega. O prazo rematará o 30 de setembro e deberán enviarse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene.
O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica. As bases publicaránse na web do Concello o luns, 11 de maio, quedando aberto o prazo de presentación de traballos.