Home / Sociedad / Educación / O uso abusivo dos videoxogos e das redes sociais, a exame nos centros de ensino de Narón

O uso abusivo dos videoxogos e das redes sociais, a exame nos centros de ensino de Narón

FERROL360 | Martes 24 setembro 2019 | 9:13

O Concello de Narón oferta aos centros escolares do municipio unha serie de obradoiros sobre «Prevención de condutas adictivas sen consumo de substancias en menores», vencellados ao uso abusivo das novas tecnoloxías, os videoxogos e as redes sociais. Unha pedagoga experta en ludopatía será a encargada de impartir estes obradoiros entre o alumnado de segundo e terceiro curso de ESO e FPBI.

No ámbito escolar abordaranse dúas áreas: a das redes sociais, na que se tratarán temas como a súa legalidade, as condutas de risco, autoxestión, códigos morais e violencia de xénero, e a de xogo, con apostas, para falar sobre a ludopatía o século XXI, o poder da publicidade, os factores de protección e risco, e qué facer ante casos de problemas coas apostas, entre outros temas.

No ámbito familiar, convocaranse obradoiros informativos e preventivos tanto nos espazos de educación familiar municipais como nas Anpas. Neste caso, os contidos que se tratarán son a ludopatía do século XXI, hábitos e rutinas no uso da tecnoloxía, normas e límites no uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación e pensamento crítico e con criterio no uso das mesmas.

Esta convocatoria ten como obxectivo «dotar aos mozos e mozas de Narón e tamén ás súas familias dunha serie de recursos que permitan evitar as condutas adictivas relacionadas co uso das tecnoloxías, atendendo así unha problemática da nosa sociedade actual e que está xerando serios problemas entre unha parte da poboación adolescente», explica o edil de Mocidade, Pablo Mauriz.

A edil de Ensino, Mercedes Taibo, avanzou que os obradoiros do programa «Prevención de condutas adictivas sen consumo de substancias en menores» terán unha duración máxima de tres sesións de cincuenta minutos por grupo ou aula e comezarán o vindeiro mes de outubro, para rematar en maio de 2020.

Os centros de ensino interesados en participar, aos que xa se lles está informando deste programa, poden anotarse ata o día 27 deste mes a través dun formulario que se lles enviou dende o Concello.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies