FERROL360 | Martes 9 xuño 2015 | 14:44
Os xardíns municipais de San Sadurniño acollerán o vindeiro 28 de xuño o mercado local do verán, no que poderemos atopar produtos de temporada, artesanía e artigos de segunda man. O prazo de preinscrición para participar xa está aberto.
O obxectivo desta actividade é impulsar o comercio de proximidade e axudar en certa medida á economía local. O mercado local xusto está aberto principalmente aos pequenos produtores e comercializadores para darlle saída aos seus produtos.
Os interesados en participar deben cubrir unha solicitude que atoparán aquí e presentala ou ben no rexistro municipal, enviala por correo postal a Concello de San Sadurniño, Lugar do casal 16, C.P. 15560 ou mandando un correo electrónico a: agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es
A data límite para apuntarse é o 24 de xuño ás 14:00 horas. A listaxe de persoas admitidas publicarase o 26 de xuño.
Camiñada polo Aceiteiro e Talabarte no Pazo
Ademais do mercado, celebraranse dúas actividades paralelas: unha ruta de sendeirismo e unha actuación musical. Así, ás 10:00 horas partirán da Casa da Cultura os interesados en realizar a ruta, que é gratuíta, e percorrerá as beiras do río Aceiteiro.
Para participar na ruta é necesario apuntarse antes na propia Casa da Cultura ou enviando un correo electrónicoa: agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es ou chamando á centraliña do Concello: 981 490 027.
Máis tarde, ás 13:00 horas terá lugar a actuación de Talabarte Trío no patio interior do Pazo. Non será un concerto ao uso, senón un xeito novo de xuntar música e cociña aproveitando un espazo suxerente.
Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual achegarán a súa fórmula de tradición contemporánea. O trío argallou unha xira de presentación do seu último traballo na que vén acompañado do cociñeiro Xián Herrera. O chef preparará petiscos coa banda sonora de Talabarte.
Delicias para o olfato e o gusto que poderá probar o público asistente mentres toma un vermú galego. Iso si, a experiencia ofrece só 70 prazas e ten un prezo de 12 euros por persoa. As entradas poden reservarse a través do correo: info@culturactiva.org ou chamando ao 981 582 836.