FERROL360 | Luns 9 setembro 2013 | 18:02
O Ateneo Ferrolán abre o prazo para anotarse nos cursiños que se desenvolverán entre os meses de setembro e outubro no local ubicado na rúa Magdalena de Ferrol.
Os vindeiros sábados 21 e 28, entre as dez da mañá e as dúas da tarde, Mercedes Quintiana ofrecerá unhas sesións de performance para maiores de 13 anos. Os asistentes aprenderán a empregar distintos tipos de arte onde o artista poderá interactuar co público para que sexa parte da obra. O resultado será unha actuación dinámica e lúdica, a partir de diferentes estímulos mentais, emotivos e sensitivos creados a partir dunha idea común, desenvolvida con textos, sons, imaxes e diversidade de obxectos, pinturas e vestiario. A matrícula é de 40 euros para os socios do Ateneo Ferrolán ou de 50 euros para os non socios.
En sesións semanais, Natalia Paz Suárez, educadora de masaxe infantil, impartirá un curso para familias con bebés de entre un e doce meses de idade. Masaxe Infantil, Arte e Comunicación consistirá en coñecer os beneficios da masaxe infantil, a súa técnica e movementos e todo o relacionado cos vínculos afectivos entre nais, pais e fillos. De luns a venres haberá unha quenda de mañá, entre as 11:30 e as 13:00 horas, e, de luns a xoves, a quenda de tarde será de 19:00 a 20:30 horas. A matrícula é gratuíta. Máis información no teléfono 686 33 22 27.
O Ateneo Ferrolán organiza tamén un taller de fotografía nocturna que impartirá o fotógrafo Mario Rubio. Nunha intensiva sesión que comezará ás cinco da tarde do sábado 12 de outubro, ofrecerase a parte teórica, clausurando o obradoiro na madrugada do domingo, cunha clase práctica que terá lugar na parroquia de Covas. O prezo é de 100 ou 120 euros para os socios e non socios do Ateneo. As prazas son limitadas.
Debate sobre el post