FERROL360 | Domingo 21 febreiro 2016 | 16:28
A Concellería de Industria de As Pontes, mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica, impartirá nos meses de marzo e abril un curso formativo dirixido a desenvolver un proxecto empresarial.
A iniciativa diríxese a emprendedores e constará de 28 horas de contidos teóricos e prácticos. Os obxectivos pasan por formar, asesorar e prestar o apoio necesario a aqueles emprendedores que desexen aprender a realizar un plan de empresa viable.
Así como facilitarlles as ferramentas precisas para o seu autocoñecemento e desenvolvemento persoal e dotar aos participantes de coñecementos básicos e das liñas a seguir para crear e xestionar a súa propia empresa.
Contidos
Os participantes aprenderán a realizar unha análise estratéxica do sector ou da competencia, a elaborar un plan de marketing, así como un plan económico e financeiro e afondar na relevancia do capital humano e nas relacións laborais, tamén se abordarán outro tipo de dúbidas vencelladas a temas fiscais e mercantís.
Todo isto mediante un traballo grupal ou individual que rematará coa correcta confección dun proxecto empresarial viable cun plan de empresa acorde coa idea a desenvolver e que se verá apoiado tamén por titorías individualizadas.
Inscricións
A participación neste curso será totalmente gratuíta e os intersados poderán inscribirse a partir deste luns 22 de febreiro e ata o venres 26 do mesmo mes. As inscrición realizaranse en horario de mañá nas oficinas do Instituto Pontés de Promoción Económica, na pranta baixa da Casa do Concello.