FERROL360 | Luns 24 decembro 2018 | 11:45
O Centro de Interpretación de Caldoval facilitará a visita ao xacemento romano de Mugardos durante estas festas de Nadal cunha serie de obradoiros e visitas guiadas gratuítas. Deste xeito, o museo abrirá as súas portas desde o 26 de decembro ata o 5 de xaneiro, namentres pechará os días 31 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro.
O centro estará operativo en horario de mañá e de tarde de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. Ademais, haberá visitas guiadas e tódolos días ás 11:00, 13:00, 18:00 e 19:00 horas, así como obradoiros didácticos ás 12:00 e ás 17:00 horas.
A maiores das visitas guiadas e os obradoiros habituais, o público poderá desfrutar de obradoiros especiais nos que o centro recupera antigas tradicións romanas como a sigillaria, unha particular forma de facer cerámica que tiñan os romanos.
Así, os días 22, 23, 27 e 28 de decembro, ás 17:00 horas, desenvolverase o obradoiro de fabricación, que tradicionalmente facían os romanos durante esta festa, que se celebraba durante o Nadal en honor do deus Saturno.
Trátase dunha tradición que moitos relacionan cos agasallos do Nadal xa que se regalaban figuriñas de metal ou de arcilla entre os seres queridos e amigos.
Finalmente, a última actividade ten que ver coa olería, unha práctica que se facía hai máis de 2.000 anos. Por iso, os días 2 e 4 de xaneiro, tamén ás 17:00 horas, desenvolverase un obradoiro de cerámica romana no que se explicarán os segredos da olería e as persoas participantes poderán elaborar as súas propias pezas e levalas para casa.
Todas as actividades son de balde e están abertas a todo o público. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 687 072 116 ou ben enviando un correo a info@museocaldoval.gal.