FERROL360 | Luns 12 agosto 2013 | 19:02
A Asociación de Cans de Salvamento de Galicia (CASAGA) realizou o pasado sábado un exercicio de adestramento canino na contorna do edificio anexo ao Pazo da Marquesa. Unha práctica que busca poñer a proba aos cans e utilizar o seu especial instinto na procura de persoas atrapadas baixo os cascallos dun derrubo.
Membros de corpos de bombeiros e doutros grupos de intervención e rescate forman CASAGA, unha entidade sen fins lucrativos que traballa en colaboración coa Dirección Xeral de Protección Civil. Son oito equipos de busca formados por un can e o seu guía que se desprazan de maneira altruísta por toda Galicia e mesmo fóra para realizar este tipo de actuacións. Deste xeito, efectúan de media unhas dez intervencións anuais, buscando xente desaparecida en lugares de difícil acceso ou soterrada en sitios onde se produciu unha catástrofe.
A práctica deste sábado foi un ensaio, un simulacro organizado pola asociación para a mellora das capacidades tanto dos guías coma dos seus acompañantes de catro patas. Cinco equipos de CASAGA realizaron un adestramento vixiado para localizar unha persoa atrancada baixo os cascotes do inmoble en construción. O esceario do antedito edificio foi óptimo para levar a cabo o exercicio, xa que, segundo apunta un dos responsables, Alberto Barreiro, «hai poucas oportunidades» de realizar un simulacro semellante debido ás escasas demolicións realizadas na comarca. O representante da CASAGA agradeceu as facilidades que deron para o exercicio tanto o Concello como a empresa encargada das obras, Xestión Ambiental de Contratas.