Home / Sociedad / Ocio / Ortigueira programa dúas Xeorutas para coñecer o seu pasado volcánico

Ortigueira programa dúas Xeorutas para coñecer o seu pasado volcánico

FERROL360 | Venres 10 agosto 2018 | 10:06

O Concello de Ortigueira programa este verán dúas xeorutas que permitirán aos participantes coñecer os vestixios que deixaron nas zonas de Loiba e Espasante as erupcións volcánicas submariñas e terrestres hai máis de 400 millóns de anos.

Ortigueira é un dos concellos que forman parte do proyecto de Xeoparque do Cabo Ortegal e as súas impresionantes formacións rochosas son un dos atractivos turísticos da localidade. As rutas, que serán guiadas polo xeólogo Francisco Canosa, son a dos volcáns e a das lavas.

A primeira prográmase para o luns 13 de agosto, entre as dez da mañá e as dúas da tarde, pola zona de Loiba. Trátase dun percorrido de seis quilómetros, catalogado como de dificultade media, no que se mostrarán as pegadas que deixaron por todo o litoral desta parroquia as violentas erupcións que se produxeron hai máis de 470 millóns de anos.

Poderanse observar ademais cantos rodados orixinados cando esta zona estaba próxima ao Polo Sur, e que formaron parte no seu día de grandes icebergs. A ruta ten unha duración de tres horas.

O segundo itinerario, previsto para o mércores 29 de agosto, é a xeoruta das lavas, que amosará aos participantes un excepcional conxunto de materiais orixinados por erupcións volcánicas submariñas hai máis de 400 millóns de anos nas inmediacións do pobo mariñeiro de Espasante.

Daquela, esta zona formaba parte dun antigo océano. No percorrido, que é algo máis curto -de catro quilómetros- poderanse ollar tamén estruturas xeolóxicas que poñen de manifesto a grande deformación que sufriron as rochas desta zona de Ortigueira. A dificultade deste itinerario, que tamén se desenvolverá de dez da mañá a dúas da tarde, é baixa.

O prezo das xeorutas é de 5 euros por persoa e a inscrición pódese realizar a través do teléfono 981 974 103 ou no enlace rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*