Home / Cultura / Ortigueira repartirá máis de 4.000 euros en premios nos concursos de Entroido

Ortigueira repartirá máis de 4.000 euros en premios nos concursos de Entroido

FERROL360 | Venres 15 febreiro 2019 | 9:35

O Concello de Ortigueira repartirá máis de 4.000 euros en premios nos diferentes concursos que organiza con motivo do Entroido. O de disfraces -con inscrición gratuíta- terá lugar o sábado 2 de marzo e pódese participar tanto na modalidade individual (a partir de 12 anos de idade) como en parellas e tríos (maiores de 12 anos ou menores se van acompañados por un adulto tamén disfrazado) ou grupos.

Dentro de este último establécense categorías de entre 4 e 14 membros, de 15 ou máis, así como comparsas e asociacións ou centros educativos. Haberá un desfile que comezará ás 20.30 horas percorrendo a rúa Francisco Santiago e o Cantón ata chegar á Alameda, onde se celebrarán as actuacións na carpa instalada para tal fin.

As comparsas deberán reunir unhas características especiais: terán que estar formadas por un mínimo de 10 compoñentes vestidos de forma semellante e bailando unha coreografía ao ritmo dunha melodía que deberá estar interpretada por un grupo de alomenos cinco persoas.

Para participar na modalidade de asociacións ou centros educativos haberá que contar cun mínimo de 10 integrantes dos que a maior parte teñen que pertencer á entidade que se presenta. As coreografías que se leven a cabo na carpa deberán ter unha duración de entre dous e catro minutos.

Para a categoría de disfraces individual, de parella ou trío hai tres premios de 300, 200 e 100 euros. Para a de grupos de 4 a 14 membros serán de 500, 250 e 150; a partir de 15 integrantes ascenderán a 700, 500 e 200 euros. As comparsas optarán a un único premio de 200 euros e as asociacións e centros educativos tamén, aínda que neste caso é de 500 euros.

Xurado e inscrición

O xurado valorará o vestiario e estética dos participantes, a creatividade na realización dos disfraces, a posta en escea e animación e calquera outro criterio que considere interesante. Os premios poderán declararse desertos.

A inscrición terá que se realizar antes das 14.00 horas do xoves 28 de febreiro na oficina de turismo ou chamando ao número de teléfono 981 974 103, aínda que tamén se poderá facer o propio día 2 na biblioteca municipal en horario de 19.00 a 20.00 horas.

Gastronomía

Ao día seguinte, o domingo 3 de marzo, celebrarase a XXIII Xornada Gastronómica de Doces do Entroido, na que poderán participar veciños e veciñas a título individual. A inscrición tamén é gratuíta e neste caso terá que facerse antes do 26 de febreiro na Oficina de Turismo ou a través do teléfono 981 974 103.

A entrega de doces terá lugar o mesmo día do certame entre as 18.00 e as 19.00 horas no lugar que se comunicará ao facer a inscrición; o fallo darase a coñecer a partir das sete da tarde e, a continuación, haberá unha degustación na carpa da Alameda.

Haberá catro categorías: orellas, bolas, freixós e pistrinos e terase que presentar un mínimo dunha ducia. En cada categoría haberá un primeiro premio de 75 euros e un segundo de 50 e os e as participantes poden concursar nas que desexen. Tamén se establece un único premio de 150 euros para as asociacións que participen nalgunha das categorías cun mínimo de dez socios.

A estes certames súmase Ortigueira a bocados, destinado a hostaleiros da vila e que se desenvolverá os días 1, 2, 3, 8, 9 e 10 de marzo. Nestas datas, os establecementos participantes terán que servir as tapas preparadas para o concurso ao prezo de 1 euro. Depositaranse urnas en cada local para que o público poida votar, sempre que teña unha papeleta con alomenos sete selos dos negocios de hostalería.

O fallo darase a coñecer o 13 de marzo e tanto o gañador do premio do público como o do xurado recibirán 100 euros en metálico e un trofeo. Entre os clientes que depositen os seus votos para elixir a mellor tapa sortearase un vale para un xantar ou unha cea por importe de 60 euros nalgún dos negocios que concursaron.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies