Home / Cultura / Os actores Luis Iglesia e Xabier Deive visitan este domingo San Sadurniño coa súa obra Misión Sapiens

Os actores Luis Iglesia e Xabier Deive visitan este domingo San Sadurniño coa súa obra Misión Sapiens

FERROL360 | Venres 8 novembro 2013 | 12:33

A axenda cultural de San Sadurniño ofrece pratos fortes para esta fin de semana. A oferta de ocio inclúe dúas obras teatrais e unha nova edición do programa Tempos para compartir.

O sábado, na parroquia de Ferreira, terá lugar a representación de A historia de Brancaflor, da compañía Os sete magníficos máis un. Trátase dunha peza infantil onde Fran Rei protagoniza unha trama chea de probas, encantamentos, romances e maleficios. Unha narración ilustrada con diversos xogos de maxia. Será no local da Asociación de Veciños de Ferreira ás 17:00 horas do sábado.

Tamén ese día, o local social de Santa Mariña acollerá unha sesión de Tempos para compartir, onde a veciña de Ferreira Cruz Piñón ensinará a elaborar marmelo de mazá e froita con xarope. As 25 prazas ofertadas para o obradoiro están cubertas desde o luns. O vindeiro taller virá a cargo de Vicente García, quen amosará a técnica para facer sidra caseira. Será o sábado 30 en Ferreira e aínda hai prazas dispoñibles, ás que se poderán anotar chamando ao teléfono 981 49 00 27.

O domingo, Misión Sapiens encherá de risas a Casa da Cultura. Esta comedia, da compañía estradense Malasombra, está dirixida polo actor Marcos Orsi. Acompáñano no escenario os coñecidos Xabier Deive, Luis Iglesia, Jouse García e Xoque Carbajal. Sen dúbida, non defraudará.

A sinopse descríbea como un espectáculo de autoaxuda, unha guía rápida para facernos máis intelixentes ou, polo menos, aparentar selo, xa que cada un dos personaxes é experto nun tema: viaxes, deportes, cultura… e entre todos intentarán converternos en persoas cultas e capaces de comportarnos en colectividade, amosando os nosos mellores coñecementos e agocha-la nosa ignorancia.

O prezo da entrada para a obra, que comezará ás 19:30 horas, é de 5 euros e poderá reservarse no teléfono 616 332 919.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies