Home / Cultura / Os Cempés deixáronse querer de novo no Festival de Ortigueira

Os Cempés deixáronse querer de novo no Festival de Ortigueira

ARY LÓPEZ | Ortigueira | Venres 12 xullo 2013 | 19:55

Na primeira noite do Festival desenvolveuse a final do Proxecto Runas sobre o esceario Estrella Galicia da Alameda ortegana. A partires das dez comezaron a actuar catro grupos de distintos puntos da xeografía española que desputaban, como é tradición, o galardón de tocar na seguinte edición desta cita celta.

Baixo unha puntualidade exquisita, foron aparecendo as bandas, que tiveron uns corenta e cinco minutos de gloria para amosar a súa capacidade de seducción musical ante o público presente.

Os baleares Boc abriron con caña a noite do festival co seu folc roqueiro que inclúe violín, frautas e acordeón, entre outros instrumentos, dominados polos seus oito integrantes. Malia ser un grupo de recente creación -formalizáronse no 2009-, teñen moi claro o que queren: combinar estilos veciños ao folc celta achegándose de cando en vez ao reggae e o punk, pero sen deixar de lado a música tradicional do seu arquipélago mollado en augas do Mediterráneo. O deles é a fusión de pezas, todas instrumentais e autoría propia.

Os segundos en actuar foron o sexteto vasco Ruaille Buaille. Colleita de 2005, teñen dous álbumes publicados nos que acadan rexistros moi variados que viaxan do folc ao blues deixando entrever as súas raíces no son irlandés. Cun cantante británico que destaca pola súa empatía constante co público, son un conxunto que, ademais de interpretar temas de seu, ofrece abundantes versións tradicionais. Unha das nosas foi a de “Boas noites” interpretada en galego con acento e arranxos vascos da man de Alberte Sanmartín.

Os vascos Ruaille Buaille no concerto de onte pola noite (foto: Ary López)

Os vascos Ruaille Buaille no concerto de onte pola noite (foto: Ary López)

Coa medianoite apareceron os castelán-leoneses Folk on Crest. Estes sete músicos afincados en Salamanca, fan súa a intención de exportar a música charra polo mundo adiante, pero sen deixar de abrirse cara estilos procedentes de Asturias, Galicia, Escocia ou Irlanda. Este xoves acenderon o lume da xente mesturando composicións propias con temas tradicionais.

Coa praza cada vez máis ateigada, os galegos Guezos pecharon a final do Proxecto Runas 2013. Paradóxico é que un concurso adicado principalmente a bandas nobeis, teña como participantes a uns veteráns da nosa escea musical. Os seus catro discos publicados son froito de máis dunha década de andaina no esceario. A súa evolución vén marcada pola infuencia de sons tradicionais que desembocan en folc, rock, pop, reggae ou ska. Os Guezos son xente seria e preocupada por que o público o pase ben, e mesmo pouco lle faltou a algún para baixar do esceario a bailar coa multitude que coreaba as súas letras.

A segunda parte da noite gobernárona Os Cempés. Coma sempre, “sen querelo”, fixeron do público un pandeiro que acatou as ordes do vocalista Serxio Cés.

Os Cempés actuando no 29º Festival de Ortigueira (Foto: Ary López

Os Cempés actuando no 29º Festival de Ortigueira (Foto: Ary López

Alí estaban despois de nove anos no Festival de Ortigueira, estes bechos do arte de facer boa música da terra. Logo dun parón de cinco anos e celebrando as dúas décadas enriba dos escenarios, únense estreando Tentemozo, o seu quinto álbume. Grabación na que participa o alumnado da Escola Livre de Música Popular Galega e que acadaron cun proceso de mecenado coñecido como crowdfunding. Reformularon a banda integrando a tres novos membros ao bouzouki, percusións e saxofón, coa que pretenden explorar outros sons. Continúan os tres históricos: Óscar Fernández (zanfona), Serxio Cés (voz, pandeireta e bombo) e Antón Varela (gaita). Este último faltou á cita de Ortigueira pero no seu lugar actuou un mozo gaiteiro, Pablo, de Ferrol.

Os Cempés seguen soando a pasodobre romántico, a xotas e muiñeiras. Tamén berran ao ceo o himno dos percebeiros, reivindicando a importancia deste oficio e facendo memoria dos desastres humanos que adoecen o noso mar.

Chegando ao final da festa, có virtuosismo nas mas de Pablo Dalama ao saxo alto, soou a fermosa versión da instrumental peza francesa “Sansonette” e aínda que esta vez faltou a Carolina, Os Cempés despediron o concerto ante miles de persoas coa tamén querida “Sara, Sariña”.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies