Home / Eume / As Pontes / Os coches clásicos danse cita este domingo en As Pontes

Os coches clásicos danse cita este domingo en As Pontes

FERROL360 | Venres 18 maio 2018 | 9:34

A Concellería de Turismo organiza a II Concentración de Coches Clásicos Vila de As Pontes. Unha cita que terá lugar este domingo e que inclúe un percorrido pola vila dos vehículos, un circuíto, xantar popular e música, entre outros.

A actividade concentrarase na Canle IV e comezará a partir das 10:00 horas coa recepción dos participantes. Unha hora máis tarde, realizarán unha exposición dos vehículos en distintas prazas da vila e, posteriormente, a partir das 13:30 horas, percorrerán as rúas da localidade.

A continuación, os asistentes desprazaranse ata o lago onde se celebrará unha sesión vermú e un xantar popular. Pola tarde, ás 17:00 horas, iniciarase a volta á Canle IV onde haberá un circuíto para os participantes.

A concentración finalizará ás 19:00 horas coa entrega de premios na que se galardoará ó automóbil máis antigo, ó máis votado, ó mellor restaurado, ó máis popular e ó que proceda de más lonxe. Durante esta edición, tanto o día previo como o dia da concentración, haberá un espazo adicado á venda de vehículos e recambios para motos clásicas e antigas así como unha zona de lecer para os máis pequenos.

Desde o goberno local, a concelleira Ana Pena, responsable da área de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, subliña a gran oportunidade que este evento supón para a promoción e dinamización turística da localidade, «este evento permítenos poñer en valor o patrimonio turístico de As Pontes, dalo a coñecer fóra da comarca e amosar todo o que o noso pobo pode ofrecer ós visitantes».

Por outra banda, a edil indica que ofrecen «ós centos de amantes do motor, de toda a xeografía galega, a oportunidade de gozar dun espectáculo único ó tempo que fomentamos un dos sectores estratéxicos da economía local».

As persoas interesadas en participar na II Concentración de coches clásicos Vila de As Pontes poden inscribirse nos teléfonos 666 471 010 ou 630 077 166. Tanto a inscrición como o xantar serán de balde.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*