FERROL360 | Venres 14 novembro 2014 | 19:43
A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, convidou aos empresarios da contorna do Parque Natural das Fragas do Eume a colaborar no Plan Reitor do parque. Así, e a través das súas achegas, a Xunta espera poder definir de xeito conxunto un documento que acade o máximo consenso.
Os membros da Asociación Euroeume, da Asociación de Empresarios de Turismo del Eume, da empresa Ocioatlántico e da Conferación de Empresarios de A Coruña mantiveron unha xuntanza con Tellado e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Durante a reunión abordaron a necesidade de estudar fórmulas que blinden e permitan compatibilizar a conservación no medio natural coas oportunidade económicas, sociais e culturais que ofrece esta zona de Galicia.
Tellado Barcia reiteroulles que o Executivo autonómico ten como obxectivo potenciar esta área como destino turístico e preservar a súa riqueza natural, o que fai necesaria unha eficiente colaboración entre os distintos axentes da zona, co fin de aproveitar as potencialidades como destino cunha importante riqueza natural.
O plan reitor será un documento que integre as necesidades de conservación e restauración cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio.
Nese sentido, determinase unha zonificación do territorio comprendido polo espazo natural, a partir da cal se definen as diferentes medidas de xestión que condicionen os usos, aproveitamentos e actuacións en cada unha delas; e unha regulación de usos e actividades, co fin de garantir os obxectivos de conservación da Rede Natura 2000.