FERROL360 | Xoves 14 marzo 2019 | 9:40
O Pazo da Cultura acollerá esta fin de semana dous novos espectáculos do Festival Internacional do monólogo teatral Singular, que este ano alcanza a súa cuarta edición. Este venres será o turno da compañía galega A Quinta do cuadrante, que representará a obra O Empapelado amarelo. Mentres que o sábado será o turno de Teatro Petra, que traerá a Narón o monólogo Yo no estoy loca.
Melania Cruz é a actriz que protagoniza do monólogo O Empapelado amarelo, que se porá en escea o venres ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. Nesta peza abórdanse os problemas actuais do papel da muller como nai e tamén se cuestiona a visión dos roles de xénero dentro do fogar.
O sábado Teatro Petra, compañía colombiana, representará a súa peza a partir das 20.00 horas. Nesta ocasión, o público terá a oportunidade de escoitar as historias dunha muller tradicional da man de Merce Valencia.
Un novo espectáculo no que se aborda o papel da muller, nesta ocasión fóra dos cánones tradicionais da sociedade e coa infidelidade como tema central. Este monólogo está baseado en feitos reais e no mesmo dase a entender ao público que a muller á que lle foron infiel está tola.
O Festival Internacional do monólogo teatral Singular continuará ata finais de mes con novos monólogos. As entradas están á venda na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Cultura a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con cané xove ou de estudante.