FERROL360 | Venres 9 outubro 2015 | 18:03
Sentadiños nas cadeiras dos concelleiros de San Sadurniño, os alumnos de segundo curso de primaria do colexio público fixéronse co poder do pleno municipal. O alcalde, Secundino García, presidiu a xuntanza pero por pouco tempo porque o relevaron do cargo cunha moción en cinco minutos.
Antes de deixar de ser o rexedor, García explicou aos cativos onde se encontraban, que tipo de decisións se tomaban alí e como funcionaban as sesións e o goberno municipal. Unha vez rematada a explicación comezou un interrogatorio dirixido ao alcalde con preguntas como: canto traballas?, a que hora vés?, a festa de que parroquia che gusta máis?, e cantos anos tes?
Acto seguido, Secundino García cedeu o seu posto a un rexedor 43 anos máis novo ca el que pouco despois fixo o propio trasladándolle o mando a unha alcaldesa de 8 anos de idade. O traspaso de poderes fíxose tranquilamente e o alcalde relevado afirmou que «seguro que moitas e moitos dos que estades aquí hoxe ocuparedes algún día este salón de plenos».
Rematada a sesión plenaria, os peques percorreron as instalacións municipais para ver como funciona o Concello e coñecer o traballo que desenvolven os distintos departamentos. No percorrido falaron co persoal e tamén cos concelleiros.
A visita á casa consistorial é unha das actividades académicas programadas nos ciclos de primaria do CPI de San Sadurniño de cara a que os nenos se familiaricen coas institucións.