FERROL360 | Sábado 20 xaneiro 2018 | 13:15
Pasados máis de cen días desde a súa toma de posesión como alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro asegura estar «moi satisfeita» co traballo realizado e salienta que neste tempo se puxeron en marcha «varias xestións que nos vindeiros meses se materializarán coa execución de obras demandadas e necesarias para a veciñanza».
Actuacións, por exemplo, de accesibilidade como a instalación de elementos de xogo adaptados para nenas e nenos con mobilidade reducida no parque de a Gándata. Un proxecto que suporá un desembolso de 160.000 euros.
O Concello tamén encargou un estudo para acometer obras de accesibilidade en locais sociais e edificios administrativos. Ferreiro avanza que se encargará outro «no que se analizará a situación actual do municipio en relación coa accesibilidade, de cara a seguir avanzando na supresión de barreiras arquitectónicas para acadar que Narón sexa unha cidade cen por cento accesible».
Salienta tamén a alcaldesa os dez millóns de euros dos Fondos Feder 2014/2020 acadados xunto con Ferrol para Estratexias de Desenvolvemento Urbanístico Sostible e Integrado (Edusi) Ría de Ferrol Cidade 2020. Ferreiro sinala que se levará ao pleno deste mes o convenio de colaboración entre ambos Concellos para a implementación da Estratexia.
No aparatado económico, Ferreiro apunta que este ano impostos como o IBI experimentarán unha baixa, ao reducirse o coeficiente do 0,65 ao 6,62, e a conxelación de taxas un ano máis para minimizar a presión fiscal sobre a cidadanía.
En materia de investimentos, a rexedora lembra a aprobación do POS+2018 con 1,8 millóns de euros para a cidade. «Desta partida destinarase a investimentos algo máis dun millón de euros, que entre outras actuacións permitirán continuar avanzando na ampliación da rede de saneamento na zona rural e na mellora da eficiencia enerxética en varios puntos do termo municipal», explica Ferreiro.
Actuacións en eficiencia enerxética cunha partida de 1,2 millóns, avances nas xestións para a construción dun novo centro de saúde, a estrea da cuncha acústica do Pazo da Cultura e o compromiso da Deputación de colaborar na rehabilitación do muíño de Xuvia, son outras das actuaciós a destacar dentro dos cen primeiros días de goberno de Ferreiro.
«A maiores destas cuestións, todas elas de vital importancia para a nosa cidade, estamos ultimando os orzamentos desde ano, que previsiblemente se levarán ao pleno en febreiro e nos que un ano máis, centramos a atención nas persoas maiores, a infancia, a cultura e o deporte, os catro pilares polos que sempre se apostou e apostará desde este goberno local», avanzou a alcaldesa.