Home / Cultura / Oscar Quant presenta libro na FNAC: «Ninguén é un intruso na cultura»

Oscar Quant presenta libro na FNAC: «Ninguén é un intruso na cultura»

Oscar Quant na presentación do libro no centro cívico de Canido con SkyhookS [foto: Faceboo do artista]
Oscar Quant na presentación do libro no centro cívico de Canido con SkyhookS [foto: Faceboo do artista]

M. C. | Ferrol | Sábado 13 abril 2019 | 14:52

Oscar Quant naceu nas Palmas pero viviu en Ferrol dende pequeno. Coñecido na cidade naval e fóra dela polos seus proxectos musicais, desta volta non son acordes senón letras o que nos leva a falar con el. O pasado mes de marzo presentou no centro cívico de Canido o seu primeiro libro, Bailando sobre el parqué (Editorial Milenio), e este sábado tócalle na FNAC da Coruña ás 19:00 horas, onde vai estar acompañado polo xornalista Javier Becerra.

Levoulle un ano e medio publicar este libro que xa podemos atopar nas librarías e na web da editorial. O labor de documentación, escritura, correccións e deseño, sinala, «foi moi divertido porque, ao mesmo tempo que escribía, aprendía moito do mesmo proceso e sorprendíanme as historia que ía atopando». A idea? Misturar as súas dúas grandes paixóns: o baloncesto e a música.

Na publicación, Quant establece as relacións e conexións entre dúas disciplinas que semellan dispares a base de anécdotas, cancións e historias: «Ademais quería pór en contexto o meu proxecto musical SkyhookS, un grupo de pop-rock no que todas as cancións xiran ao redor do mundo da canastra».

Un libro «atípico e orixinal»

Recoñece que traballou arreo na fase de documentación, leu libros e revistas antigas de baloncesto e música, viu documentais, estivo mergullado pola rede e na procura de xente que puidera botarlle unha man. «O certo é que tiven moita sorte, non se me ocorre ningunha outra editorial que ousase publicar un libro tan atípico e orixinal (ao menos eu non coñezo ningún semellante)», confesa.

Do feixe de historia que nos achega, Quant quedou abraiado coa «conexión de Mick Jagger co baloncesto, nun país, Reino Unido, no que case non se practicaba este deporte, e moito menos a fins dos 50. Unha relación que lle viña de familia e na que se afonda no libro», avanza. Ademais, sinala, houbo moitas que quedaron polo camiño: «David Robinson toca o saxofón, Juan Antonio San Epifanio é fan dos Rolling Stones… pero eu precisaba ter onde escarvar, un fondo onde investigar e profundar. Que tivesen unha historia sentimental, histórica ou curiosa detrás».

Un músico metido a escritor?

«Da mesma maneira que eu non me considero músico, tampouco me fago á idea de ser escritor. Eu soamente son un fan que se inspira nos discos, pelis e, sobre todo, libros que devoro. Teño moitísimo respecto polo formato literario e polos escritores que adoro como para poñerme eu a compararme con eles, mais non sinto que me teña ‘metido’ en ningún club privado. Ninguén é un intruso na cultura».

Con todo, lonxe do que puidéramos pensar, este libro non é só para seareiros do baloncesto ou da música, senón que pode gustar a todo tipo de públicos non especializados. «A intención foi facer un texto o máis transversal posible, abranguindo todas as épocas e estilos, mesmo aquelas nas que estou menos interesado. Tentei facelo con humor, pretendendo unha lectura amena e divulgativa que fixera o libro fluído e entretido».

Ben acompañado

A portada, homenaxe obvia ao mítico Sgt. Pepper’s dos Beatles está asinada por Alberto Amigo, «outro músico (Todo el largo verano) que, estou completamente seguro, é moitísimo mellor deseñador ca xogador de baloncesto, fixo un grande traballo con esta espectacular portada que fai o libro aínda máis atractivo».

Ademais, as letras de Quant non están soas: limiar de Raül López e feche de ouro de Loquillo. «Desde o principio quixen un xogador que gostara da música e un músico que gostara do basket. López é guitarrista, ademais dun gran melómano, e Loquillo xogou no Cotonificio con Epi como compañeiro».

Preguntámoslle a Quant se a cabeza segue traballando en vindeiros proxectos e, como imaxinabamos, a súa resposat foi un si: «Teño mil ideas, algunhas auténticas tolemias e outras que estou empezando a desenvolver, mais non quero precipitarme. Quero facelo con tempo e comprobar que son quen de obter un libro de aí. Sen présa e pasándoo ben no proceso. Mentres, seguirei dando guitarrazos nos escenarios e chimpos nas canchas…».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies