FERROL360 | Luns 2 marzo 2015 | 18:40
A deputada do PSOE no Congreso Paloma Rodríguez presentou unha serie de iniciativas á Mesa do Congreso sobre o estado de diferentes estradas en Narón, de titularidade estatal, pendentes de mellora.
A deputada reuniuse este luns co alcalde do municipio, José Manuel Blanco, o concelleiro de Obras, Ángel Castro, e a concelleira de Participación Cidadá e Acción Social, Catalina García para tratar este tema.
Rodríguez rexistrou catro Proposicións non de lei para que o Estado leva a cabo a reparación e adecuación urxente da glorieta ubicada na saída-acceso número 34 F da autoestrada AP-9 (que conecta a estrada FE-12, o acceso á estrada C-862 e á rúa Santa Tecla).
O pavimento desta rotonda, cuxa titularidade ostenta ó Ministerio de Fomento, atópase nun estado de abandono, con numerosos baches, o que presenta un perigo para a circulación vial. Reclámase a reparación dos baches e o pintado da sinalizac ión horizontal da mesma.
Tamén pide Rodríguez a dotación de medidas necesarias para garantir a fluidez do tráfico e seguridade vial na Estrada da Trincheira que une Ferrol e Narón, dotándoa de sinalización viaria vertical e horizontal con semáforos e pasos de peóns.
Asimesmo, solidita a reparación do ramal que parte da AP-9 en O Couto ata a Estrada da Trincheira e o polígono de A Gándara, para evitar as reiteradas inundacións que se producen no mesmo. E por último, a dotación de alumeado na ponte da AP-9 que une Narón e Neda, no prazo máximo de seis meses.