TEXTO e FOTOGRAFÍAS: ALICIA SEOANE | Ferrol | Mércores 3 maio 2023 | 13:28
Ábrete de orellas comezou como un programa de radio nos últimos anos da década dos noventa. Vinte anos despois, o creador deste programa segue a facer a súa hora de descobertas semanais de música para todo tipo de «orelludos». Ademais, ten un portal onde se poden escoitar os seus programas e ler recensións, curiosidades ou botar unha ollada a súa axenda.
Tivemos esta conversa no mes de abril e o día cumpre ao pé da letra o noso refraneiro popular, así que toca augas mil. Vémonos nun sitio interior. Falamos de música, de algoritmos, de antialgoritmos e outro pouco de política, aínda que disto último ben pouco.
FERROL360 – Como foi a túa viaxe dende a Filoloxía Inglesa, que é a túa formación, ata converter Ábrete de orellas nun espazo de referencia musical do país?
PEPE CUNHA – Para min Ábrete de orellas sempre digo que é un hobby profesional. Digo isto porque é un proxecto sen ánimo de lucro que non me dá cartos pero que intento facer, dentro das miñas posibilidades, da forma máis profesional posible.
Eu son radioafeccionado dende pequeno, sempre me gustou a música e poder tirar dese fío de buscar novos sons… isto de que unha música vai levando a outra. Así que fixen Filoloxía Inglesa porque se me daba ben o inglés. tiña un compañeiro que dicía que estudei isto para poder traducir as cancións de Bob Dylan [Risas].
Cando voltei de EEUU, tiña un compañeiro que me convidou a falar dos Kinks nun programa de radio da Universidade da Coruña. Meses despois ofrecéranme facer radio na Radio Kaos, en Serantes, unha radio universitaria. Tiña que facer unha hora de programa, aínda que tiña tantas ganas que acabei por facer oito porque me encantaba e tiña tanta música que compartir que non paraba…
360 – Comezaches nese momento a introducir música galega?
PC – Pois nese momento, a finais do século pasado, comezou o boom das músicas do mundo. En Galicia houbo unha explosión, foron os tempos de Berrogüeto, Mercedes Peón, Budiño, Cempés… Todos metímonos un pouco no folk. Comecei a pedirlle ás discográficas que me mandaran os discos, e así fun abrindo as miñas orellas ás músicas do país. Cando atopaba rock ou pop en galego era moita emoción e necesitaba compartilo.
360 – Parece que o proceso foi dende fóra cara adentro non?
PC – Si, un pouco si. Tamén sempre fun de ir ás tendas de discos de Ferrol e pedir discos de Siniestro Total, por exemplo… Eu era castelanfalante, son desas xeracións de pais castrados do galego, así que tiña esa curiosidade de achegarme ao galego. O meu contacto co idioma era na escola e cando ía de vacacións a Palmeira, en Ribeira, así que cando escoitaba música en galego prestáballe máis atención porque me soaba diferente tamén. E así comecei a falar das músicas do noso país e convertinme nun dos poucos que fala na Galiza da música da terra.
360 – Notas que as novas xeracións teñen diferentes formas de aproximarse á música?
PC – Si cambian as formas. Agora na música hai un mar de ofertas no que podes afogar. Ás veces, cando me chaman para falar nalgún coloquio e me preguntan sobre estas cousas, a verdade é que si hai cambios. Antes, o feito de escoitar música en directo era unha forma de descubrir música pero tamén de socializar. Agora é distinto, hai xente que sabe moito de música pero sen ter que saír da casa. Nós tiñamos que compartir casetes, ir a concertos, preguntar para saber quen tiña un disco… Era unha relación diferente coa música. A maiores, todo isto dos algoritmos, que se escoitas unha cousa xa che ofrecen algo parecido, é xustamente todo o contrario de Ábrete de orellas, que pretende saír disto. Descubrir sen quedarse na escoita do mesmo todo o tempo. Se che gustou isto e descubríchelo un día, por que non tentarte e escoitar outra cousa que poida gustarche tamén?
360 – Isto é, Ábrete de orellas é un portal de boa música que non encaixa nun estilo en concreto, non?
PC – Hai moitos músicos que xustamente me comentan isto como algo que valoran do portal. Por exemplo, cando meto tamén discos de jazz. En moitas ocasións parece que o jazz só se pode escoitar en portais especializados. A min gústame achegar boa música de diferentes correntes a todo tipo de público. É un punto de encontro de diferentes músicas. Esta é unha das cousas que máis me motiva, a verdade. Sei que pode ser difícil escoitar trece cancións que van dende un lugar de partida pasando por estilos tan diferentes, pero isto é xusto algo que me interesa moitísimo.
360 – Cando abres a páxina web de Ábrete de orellas alá polo 2003, con que idea o fas?
PC – Foi un momento como para facelo profesional, non? Coller o dominio era unha forma de dicirme: «isto vai en serio». Eu sempre me lembro deses anos do bipartito en Galicia cando comezaron a saír grupos en galego por todos lados porque tiñan un canal onde soar, que era a televisión pública. Moitos seguen soando como Ataque escampe ou Fanny e Alexander, que voltaron. Eu estiven nese momento. Pero o triste é ter que agardar a que isto pase; a que un goberno faga isto, que é deixar ese espazo para o que foi creada a radio televisión pública autonómica. Agora as radios privadas ou de medios sociais estamos a cubrir ese traballo que a RTVG pública non cobre.
360 – Cando comezaches pensabas que isto chegaría tan lonxe? Vinte anos de programas de radio non son poucos, non?
PC – Pois a verdade é que se miras atrás 20 anos son moitos. Sempre digo que é un tema de día a día e de constancia. Hai xente que me di: «se ti non fixeras isto hai quince anos, ninguén falaba disto». Eu fíxeno porque me gustaba e o precisaba. E por iso seguín. Axuda moito que dende o outro lado houbera boa receptividade. A xente recoñéceo, e iso é o combustible; ver que a xente o valora e o acolle ben.
360 – Moi bo recoñecemento porque fuches dúas veces premio Martín Códax á difusión musical. Non está mal, non?
PC – Pois a verdade que si, iso é moi bo retorno, porque eu intento valorar moito un traballo cando o teño nas miñas mans, e ver o traballo que hai detrás. Así que ver que os propios músicos tamén valoran o meu traballo detrás disto, é importante tamén. Ás veces tamén teño críticas, ou pregúntanme por que non fas isto ou isto outro. Pois eu dedico o tempo que podo porque é o que teño. Sei que cando publico a uns determinados artistas teño máis likes pero isto non é Ábrete de orellas. Eu sei que se publico algo de Tanxugueiras vai haber máis tráfico, pero nunca entrei neste xogo; nin pago publicidade para colocar determinadas publicacións. Falo de grupos como Tanxugueiras e gústanme, pero non me gusta tirar dunha cousa só polo feito de que xa teñen o seu público, gústame esa descuberta.
360 – Hai un momento que pasas do formato radio ao formato escrito tamén, entendo que aí dás un salto, porque son rexistros diferentes, non?
PC – Iso comezou en Ferrol, que me convidaron a escribir no Diario de Ferrol. Ese traballo comezou no Nordesía, que é o suplemento cultural dos domingos. Eu ía cada semana a unha tenda de discos para sacar recensións dalgúns no dominical e comecei a facer crónicas cando ninguén as facía. Eu non quería ser un crítico porque isto é algo que sempre me pareceu que impón moito. Non me gusta esta cousa de xornalista, de sentir que tes que saber todo. Gustábame máis esa idea de ser un divulgador. Dar pistas á xente, non ser un medio elitista; máis ben ir deixando pistas… e por iso acabei montando o portal, para ir deixando todas estas pezas que ía compoñendo.
360 – Colliches gusto a escribir, porque acabaches escribindo un libro de Guadi Galego, Pola Beira da canción, que foi editado por Edicións Embora (2019). Como xorde esa colaboración?
PC – Pois iso foi unha proposta de Embora. Propuxéronme que escribira sobre algún artista galego. Eu pensei en dous: Magín Blanco ou Guadi Galego. Pero Magín parecíame que era mellor deixarllo a Carlos Rego. E efectivamente foron os dous libros que publicou Embora. Se queremos normalizar a cultura do país teremos que facer biografías dos artistas galegos.
Este libro foi algo que se foi facendo de forma moi natural porque eu coñecía a Guadi dende os seus inicios. Ela comezou na música cando eu comecei a falar da música do país. Ela sempre me apoiou e dicíame que tiña que enviar o meu CV á radio. En fin, que foi un proceso sinxelo e moi natural. Quedei moi contento.
360 – E agora en que punto estás?
PC – Pois non me gustan os guetos musicais, encántame gardar ocos para meter tamén novidades que chegan de fóra; non me gusta encasillarme. Gústame a música do país pero tamén facer outras propostas. As cancións sempre soan enteiras e non me gusta falar por riba delas. É unha teima que collín.
De entrada, teño moitas ideas para facer novas seccións; sempre levo unha libretiña de ideas pero neste momento estou moi metido nesta hora de programa. Se fose por desexo meu e tivese máis tempo, a verdade é que teño ganas de facer máis cousas en Radio Filispím, gústame moito a radio comunitaria. Gustaríame implicarme máis nesta radio e que a grella tivese máis programas que sexan feitos por colectivos.
360 – Como ves o panorama musical de Ferrol?
PC – Creo que en Ferrol hai unha escena moi boa. Aquí hai talento, hai medios porque hai bos estudos de gravación, boas discográficas, aí está Ferror Records tamén… Pero penso que falta dar ese paso de saír fóra con forza. Isto é curioso porque esta cidade ten moito talento musical. De feito, é curioso que dous divulgadores de música en galego sexamos de Ferrol, eu e Fernado Fernández Rego. Aquí hai moito talento, medios… pero é coma se houbese un freo. Creo que falta apostar por saír fóra. Aquí hai moitos ingredientes pero falta que se poña o foco sobre isto. Quizais tamén sexa porque non somos un lugar de paso. Aquí hai que vir.