Home / Ortegal / Cerdido / Peques e maiores realizaron unha plantación conxunta de árbores no CEIP A Barqueira

Peques e maiores realizaron unha plantación conxunta de árbores no CEIP A Barqueira

FERROL360 | Venres 25 maio 2018 | 10:21

Dentro do proxecto do Movemento do Cinto da Fraga, que organiza o CEIP A Barqueira de Cerdido, peques e maiores do municipio levaron a cabo o pasado luns unha actividade interxeracional e de recuperación das especies autóctonas da nosa zona.

Os avós e as avoas axudaron ao alumnado a plantar e transplantar diferentes especies no horto do centro escolar. Lidia Casal e Araceli Montes, do cole, explican que «os avós e avoas colaboraron na plantación de sementes aportadas polas propias familias, afondando así nos coñecementos sobre os cultivos dos nosos nenos e nenas».

As mestras sinalan que o horto nace despois de meses de investigación sobre as plantas. Os maiores explicaron aos peques «as mellores maneiras de realizar os cultivos, as necesidades e consellos para mellorar as nosas plantacións futuras e tamén axudaron a diferenciar os diferentes tipos a través das súas follas», apuntan Montes e Casal.

Todo o coñecemento trasladado polos maiores o porán en práctica o vindeiro luns en Neda onde os nenos e nenas «levarán, cando menos, unha árbore recadada no pasado mercadillo solidario». A actividade será no Monte de Ancos onde o Concello de Neda está levando a cabo unha reforestación con árbores autóctonas despois do incendio que sufriu o pasado ano a zona.

Casal e Montes apuntan que «o concello de Neda comprométese a poñer unha etiqueta a cada unha destas especies co nome e apelidos dos pequenos e pequenas solidarios». As mestras aseguran que a actividade interxeracional foi «moi enriquecedora» e o alumnado «saíu encantado», polo que avanzan que repetirán a experiencia.

Movemento do Cinto da Fraga

Este proxecto «xorde da necesidade real de colaborar con aqueles concellos asolados polos incendios acontecidos nos pasados meses», explican Montes e Casal. Unha iniciativa que terá continuidade o vindeiro curso co obxectivo de que os cultivos do horto do CEIP A Barqueira sigan adiante.

A idea do centro educativo é que «o noso proxecto gañe en calidade, idearemos sistemas de autorego, prograremos os robots do centro para medir temperaturas, rexistrar crecementos das prantas, datos de luminosidade e humidade», sinalan as mestras.

Os retos para os vindeiros meses pasan por poñer en marcha unha canle de vídeo con documentais de concienciación ambiental, mellorar os invernadoiros, que foron creados polos propios nenose nenas cun sistema de rego por goteo, así como avanzar no horto e nos coñecementos sobre edición de vídeos e de programación de robots.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*