FERROL360 | Venres 8 setembro 2023 | 15:45
A comunidade educativa do CEIP San Xoán de Filgueira reuniuse este xoves nunha concentración para mostrar o seu desacordo coa supresión dunha unidade en Educación Primaria, quedando unificados os grupos de 1º e 2º.
Na actualidade, contan cun total de dezaseis matrículas efectivas e dúas solicitudes de admisión en proceso de ser aprobadas para ese grupo mixto. Tal e como afirma a directora, Sandra Sieiro, «este centro caracterízase por ser receptor de alumnado ao longo de todo o curso, polo que a matrícula en cada nivel varía moito entre setembro e xuño».
Unha das consecuencias desta supresión é a baixada das vacantes que pode ofertar o centro para acoller a todo o alumnado que solicita praza ao longo do curso. Estes recortes implicarían unha baixa no número de prazas ofertadas polo centro, xa que pasarían de poder ofertar dezasete prazas por grupo á metade. Se poden inscribirse 17 persoas en primeiro de Primaria e outras 17 en segundo, cos novos recortes só serían unhas oito vacantes para cada curso, o que supón unha perda no servizo prestado aos alumnos e familias.
A comunidade educativa indica que estes recortes inflúen negativamente na calidade do ensino público.
Na concentración reuníronse familias, alumnado, profesorado, a Anpa do centro, a Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra, veciños, organizacións sindicais e representantes de distintas formacións políticas do Concello.
Dende o CEIP San Xoán de Filgueira esperan que a decisión de Inspección de Educación sexa revogable pola agravante que supón este recorte para un centro que é un referente no ensino público e no labor de integración ao longo dos últimos anos.