Home / Sociedad / Entidades sociales / Política Social financiará tres unidades de apoio psicosocial da Asociación Galega de Atención Temperá

Política Social financiará tres unidades de apoio psicosocial da Asociación Galega de Atención Temperá

FERROL360 | Martes 19 abril 2016 | 15:19

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou este martes un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) para colaborar no financiamento de tres unidades de apoio psicosocial, dirixidas á atención de nenos de entre 0 e 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos.

Estas unidades tamén prestarán apoio ás súas familias e ao seu contorno, coa finalidade de facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal destes menores e a súa inclusión social. As tres unidades contan cada unha cun equipo de profesionais especialistas en desenvolvemento infantil e atención temperá.

Rey Varela informou que a Xunta achegará 300.000 euros para o financiamento da actividade das tres unidades o que suporá un incremento do 9 % con respecto ao pasado exercicio, e do 200 % con respecto ao ano 2009.

O conselleiro definiu este convenio como «unha aposta pola atención integral das familias en Galicia, especialmente das familias que teñen nenos ou nenas con algunha dificultade especial e que polo tanto requiren un asesoramento e un traballo con profesionais especiais».

O convenio enmárcase no eixe 2 do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 na Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020 e na Estratexia de Prevención da Dependencia, horizonte 2020. Así mesmo, é unha das actuacións contempladas na Axenda Galega de Atención Temperá 2015-2016.

Un documento que «representa a acción coordinada entre os sistemas implicados na atención temperá como o sistema de saúde, de educación e de servizos sociais, para unha abordaxe integral e temperá do desenvolvemento infantil e o apoio ás familias», sinalou Rey Varela.

Xuntanza co alcalde de Pontedeume

Rey Varela e Fernández reuníronse este martes no edificio da Xunta en Ferrol (cedida)

Rey Varela e Fernández reuníronse este martes no edificio da Xunta en Ferrol (cedida)

Rey Varela tamén se reuniu este martes co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, para coñecer as necesidades no eido social da localidade e así poder optimizar os servizos prestados a través da unión de recursos locais e autonómicos. Esta xuntanza enmárcase na rolda de entrevistas que o conselleiro está a realizar cos rexedores galegos.

Os políticos fixeron un repaso dos principais programas e infraestruturas en materia social que se están a desenvolver no municipio, nomeadamente o incremento de 115 horas no Servizo de Axuda no Fogar, grazas ao cal o total de horas de servizo ascende a 2.068 das que se benefician 36 veciños e veciñas de Pontedeume.

Neste eido, conselleiro e alcalde acordaron seguir traballando para suprimir a lista de agarda no Servizo de Axuda no Fogar e acadar o 100 % de ratio de atención. Rey Varela e Fernández tamén abordaron a posibilidade de explorar novas vías de colaboración para a futura construción dunha escola infantil.

Unha infraestrutura que suporía unha importante mellora da carteira de servizos sociais que existe na actualidade neste municipio emprazado na comarca do Eume.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies