FERROL360 | Xoves 27 agosto 2015 | 9:20
Chove, sabémolo. Temos aos pequenos na casa aburridos, con pouco que facer. Que tal un conto? E un debuxo? E ámbalas dúas propostas? Que tal se o facemos xunto con outros cativos? Pois todo iso e moito máis nolo ofrecen este xoves Polo Correo do Vento, algo máis que un contacontos e ademais con dobre sesión: no local social de Covas ás 12:30 horas e ás 20:00 horas no Antigo Hospicio, no barrio da Madalena a carón da praza de Amboage.
A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol trae á cidade naval a Enrique Mauricio e Carlos Taboada, cunha iniciativa que achega a o público máis novo a lectura en galego, a comprensión oral e o desenvolvemento da creatividade grazas aos contos.
A palabra e a imaxe mestúranse para activar a creatividade e a imaxinación dos pequenos. Primeiro, Enrique argalla unha historia cos animais coma protagonistas, namentres, Carlos debuxa un mural vencellado ao conto. Despois, os nenos e nenas farán de xornalistas nunha improvisada rolda de prensa na que preguntarán o que queiran, para rematar debuxando eles mesmos as personaxes do conto que máis lles presten, coa música en directo de Roberto coma banda sonora orixinal.
Polo Correo do Vento vén de recoller un grande éxito en multitude centros de ensino, bibliotecas, museos, feiras, librarías e centros culturais, tendo editado, con Xerais, unha escolma de sete libros de contos dende o 2008. Cóntasme un conto?
Hoxe xoves ás 12:30 horas no local social de Covas e ás 20:00 horas no edificio do Antigo Hospicio na rúa Méndez Núñez, no barrio da Madalena. A entrada é de balde.