FERROL360 | Mércores 23 outubro 2013 | 20:22
Un total de 90 persoas participarán no programa integrado de emprego «Artabria Emprega», que este ano márcase como obxectivo a inserción no mercado laboral do 35 % dos participantes. O programa xa deu comezo o día 15 de outubro, estando previsto facer nos próximos días a selección de candidatos dun listado que será facilitado polo Servizo Público de Emprego, sendo esta a primeira das etapas do proxecto.
Posteriormente procederase a unha consultoría individual e grupal para logo acceder a un período de formación e rematar cun seguimento da inserción laboral. Está previsto que o programa teña unha duración dun ano, rematando o 14 de outubro de 2014. O obxectivo que se persegue é facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para a súa incorporación ó mercado de traballo, combinando a prospección de mercado coa formación dos usuarios atendidos dentro do programa.
Deste xeito, terase especialmente en conta a participación de persoas con discapacidade, menores de 30 anos en busca do seu primeiro emprego, persoas desempregadas como consecuencia dunha crise empresarial e persoas desempregadas de longa duración, especialmente os maiores de 45 anos e as mulleres, tendo en conta tamén aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero.
No programa participan os concellos de Cabanas, Fene, Mugardos, Pontedeume, Neda e Ares.