Home / Actualidad / Pontón pide en Ferrol máxima mobilización ante o posible retorno do BNG ao Congreso

Pontón pide en Ferrol máxima mobilización ante o posible retorno do BNG ao Congreso

Imaxe do acto (foto: BNG)

Imaxe do acto (foto: BNG)

FERROL360 | Martes 23 abril 2019 | 00:00

Algunhas enquisas outorgan ao BNG a posibilidade de contar de novo con representación no Congreso e a súa voceira nacional reclamou en Ferrol un derradeiro esforzo para que a mobilización permita entrar en Cortes. Nun mitin no Centro Torrente Ballester, afirmou que falta «menos para esa oportunidade que se chama 28 de abril».

«Unha oportunidade para encher as urnas de votos contra a discriminación das forzas estatais, de votos que paren os pés a esa dereita carca e antigalega que vimos en Colón», argumentou. Para iso, situou como medida necesaria «sumar todo o voto de país no Bloque; somos a única opción real para conseguir telo todo».

Así, abogou por «parar os pés á dereita antigalega de Vox e Cs, á que lle disputamos escanos na Coruña e en Pontevedra». Para a deputada, «témolo ao alcance da man; por iso, pídovos que nos multipliquemos, que redobremos a mobilización con ilusión, cun sorriso na boca, que falemos con todo o mundo, que chamemos a todas as portas».

«Hai partido; imos quitarlle escanos a esa dereita antigalega», dixo Pontón, que apelou a «os nacionalistas e non nacionalistas, a todas as persoas que noutras eleccións non tiveron BNG como primeira opción». Persoas, sinalou, que queren «un futuro mellor para este país» e ás cales propuxo «un proxecto solvente, cohesionado e unido».

Perspectivas no 28A

Apostou por «mans abertas para telo todo, voz propia para construír o país que queren e frear á dereita que nos quere levar ao pasado». O candidato a alcalde de Ferrol, Iván Rivas, estimou que paga «a pena saber que este país existe, que esta cidade existe porque vós loitades cada día para que exista; vós, nacionalistas galegos, sodes imprescindibles».

Durante a súa intervención, preguntou os motivos que levan á prórroga da concesión da AP-9 «se está amortizada» e por que «se a lei é para todos nin o Ministerio de Defensa, nin a Autoridade Portuaria nin Navantia pagan impostos en Ferrol». Ao mesmo tempo, cuestionou investimentos na alta velocidade ferroviaria.

«Se non hai cartos, por que despilfarráchedes 7.000 millóns de euros en sobrecustes nas obras do AVE con contratos amañados e subornos mentres aquí seguimos con vías de hai cen anos?», destacou Rivas. Tamén valorou que os que teñen «unha visión solidaria do mundo tedes que erradicar o conformismo e a decepción das relacións».

Indicou que unicamente eles teñen «a imaxinación para inventar o futuro, só vós podedes transformar os imposibles de hoxe en posibles de mañá». No acto tamén estiveron o candidato do BNG ao Congreso Néstor Rego, primeiro pola Coruña, e o representante comarcal Ramón Fernández «Mon».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*