Home / Cultura / Pedroso prepárase para acoller a tradicional Romaría da O este domingo

Pedroso prepárase para acoller a tradicional Romaría da O este domingo

FERROL360 | Luns 5 maio 2014 | 19:54

As entidades organizadoras da Romaría da O xa teñen todo preparado para dar o pistoletazo de saída ao programa de actos deste ano. Un programa con actividades para todos os públicos e no que traballaron a Asociación de Veciños ‘Virxe da O’ de Pedroso, a Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña e a Comisión de Festas da Romaría da O.

O xoves 8 de maio comezan as actividades coa celebración dunha mesa redonda e coloquio sobre As tradicións da Romaría da O. Será as 19:00 horas no local da SCR A Pombiña de Pedroso. A continuación, ofrecerase unha copa de viño e poderase gozar da exposición fotográfica Pedroso e a súa xente no século XX.

O venres 9 de maio, pola mañá, haberá unha marcha ciclista dos alumnos dos colexios de Narón e San Sadurniño ata a capela da Virxe da O, onde recibirán unha pequena charla sobre a historia desta romaría.

Ás 18:00 horas terá lugar un obradoiro de roscos de pan no local da SCR A Pombiña. Os roscos serán subastados o domingo, antes da sesión vermú. E xa ás 20:30 horas haberá actuación do Grupo de Baile Moderno de A Pombiña.

O domingo 11 de maio é o día grande da festa. Ás 09:30 horas arrancará a ruta de peregrinación á Romaría da O, con saída desde o mosteiro do Couto, pasando polo Camiño Inglés ata Xuvia, en dirección á capela da O pola beira do río Xuvia. A duración aproximada é de 3 horas.

A partires das 12:30 horas celebrarase a procesión desde A Pombiña –cos estandartes dos roscos- ata a capela da O. Ás 17:30 horas será o bautismo de aeromodelismo, organizado pola Asociación de Aeromodelismo de A Pombiña, e poderán probar a pilotar unha avioneta teledirixida tódalas persoas que o desexen.

A media tarde, contra as 18:00 horas, celebrarase a entrega do premio á merenda máis orixinal e ás 18:30 horas haberá actuación do Grupo de Baile Galego do Padroado de Cultura.

Na presentación do programa de actos da romaría, o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, destacou a importancia que ten para o Concello «o feito de recuperar tradicións». Ademais, subliñou que a romaría da O é «unha festa fundamentalmente popular, que nos seus inicios congregaba a moitísima xente entorno á capela da O, e queremos que iso se volva a repetir».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies