FERROL360 | Mércores 6 abril 2016 | 12:41
O Pazo da Cultura de Narón acolleu as visitas dos alumnos de terceiro curso de educación primaria do CPR Santiago Apóstol, que acudiron en dous grupos, dentro do programa de Recursos de Apoio á Escola impulsado pola Concellería de Ensino e Bibliotecas.
A iniciativa «»Pazo Vivo«» desenvólvese a través do Servizo Sociocomunitario Municipal e o persoal técnico do Padroado da Cultura encargouse de deseñar a visita, na que tamén se implican docentes das diferentes disciplinas que se imparten nas Escolas Culturais Municipais.
O alumnado tivo a oportunidade durante a súa estancia no Pazo de participar nunha actividade en cada unha das aulas visitadas, co fin, explicou a concelleira «de entender os conceptos explicados durante o itinerario realizado por estas instalacións culturais».
Música en directo, bailes, construción de instrumentos tradicionais e teatro, coñecendo os entresixos da posta en escea dos espectáculos, foron algunhas das modalidades das que gozaron os participantes.
A concelleira de Ensino valorou a colaboración que realizaron nesta convocatoria os docentes das Escolas Culturais Municipais, o persoal técnico do Padroado da Cultura e tamén o da Asociación Cultural Musical «Sementeira» e lembrou que o programa oferta recursos didácticos a todos os centros de Narón.