Home / Ferrol / Ferrol / Profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol presentaron a Guía Clínica de atención ó tabaquismo

Profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol presentaron a Guía Clínica de atención ó tabaquismo

FERROL360 | Mércores 30 maio 2018 | 20:41

Profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol presentaron este mércores a Guía Clínica de atención ó tabaquismo, na xornada previa á celebración do Día Mundial sen Tabaco, que se conmemora este xoves 31 de maio.

Como integrantes do Comité de Prevención do Tabaquismo da área, a especialista en Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Carmen Diego Roza; e a especialista en Medicina Familiar e Comunitaria do centro de saúde de Narón, Elena Romero Pérez, deron conta das claves deste novo documento.

As profesionais coincidiron en subliñar dúas cuestións, que a abordaxe do tabaquismo depende da implicación de tódolos profesionais da saúde, sanitarios e non sanitarios, xa que «é unha responsabilidade conxunta»; e que «é a primeira causa de morte por enfermidades non transmisibles evitables do mundo». Afirmaron con contundencia que «o tabaco mata e enferma».

Puxeron de manifesto coas súas intervencións a necesidade dunha maior comunicación entre os profesionais de atención primaria e de especializada, por iso a nova guía clínica -xa case pechada e que se estima verá a luz no verán- que é un documento que estará dispoñible para tódolos profesionais da área sanitaria, e que «proporciona ferramentas e un circuíto para os pacientes que desexen deixar de fumar», explicaron.

Diagnosticar o tabaquismo

Na Xerencia Integrada de Ferrol, existe una consulta específica sobre tabaquismo e un Comité de Prevención do Tabaquismo da área sanitaria ferrolá, formado pro profesionais de diferentes eidos, que traballaron nesta nova guía clínica para facilitar ós profesionais os recursos e circuítos asistenciais necesarios.

Entre ámbalas dúas profesionais explicaron que a guía conta con diferentes algoritmos orientativos relacionados co tabaquismo, diversa documentación relacionada; e, entre outras cousas, listados coas funcións da Enfermaría; dos médicos dos centros de saúde; resumo de medidas de como actuar nas distintas fases do abandono do hábito tabáquico; e esquemas dos distintos tratamentos en cada momento e as súas contraindicacións.

Consideraron necesario «establecer e rexistrar o diagnóstico de tabaquismo en tódolos informes»; e que «nos actos sanitarios se realice consello antitabáquico básico e se rexistre a condición de fumador». No caso de que a persoa que acude á sanidade sexa fumador, actuarase en cada unha das fases das que se encontre. Por exemplo, se está en fase precontemplativa (non ten desexos de deixar fumar) recordarlle todo o que supón o tabaquismo e as posibilidades coas que conta; e, se está en fase contemplativa (con expectativa de deixar de fumar), facilitarlle as ferramentas necesarias para poder facelo.

Para isto conta co seu especialista de Medicina Familiar e Comunitaria, ou, se este o considera, remitir á persoa á consulta específica de tabaquismo do Complexo Hospitalario, á que se chega cunha serie de criterios de derivación clínica nos que afondaron esta mañá. Esta guía «é para que a integredes no voso día a día», explicábanlle ós compañeiros e compañeiras presentes na sesión clínica; e «tenta mellorar a saúde global da poboación».

Consulta específica

No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, xa existe unha consulta específica de tabaquismo semanal que proporciona atención ós fumadores que acoden en demanda de axuda, cando cumpren uns criterios de derivación a esta consulta especializada. Inxírense nesta consulta fundamentalmente derivados de Pneumoloxía, Dixestivo, Vascular, Cardioloxía, Neuroloxía e Oncoloxía. Esta consulta está protocolizada, e contempla un mínimo de 7 consultas por paciente. Algúns poden requirir máis consultas. Están programados uns 4 novos casos á semana e 12 casos de revisións en seguimento.

Entre outras cuestións, nesta consulta específica realízase a medición da tensión arterial, peso, a espirometría, e a cooximetría, xunto coa historia clínica específica relacionada co tabaquismo con cuestionarios específicos, materiais de autoaxuda, ou protocolos clínicos de intervención. A consulta está atendida por un especialista en Pneumoloxía experto en tabaquismo e unha profesional de Enfermaría. Nela ofrécese o que se coñece como tratamento multicompetente, que abrangue técnicas cognitivo-condutuais e farmacoloxía, pero sempre con seguimento especializado, o que aumenta a porcentaxe de éxito do abandono do hábito tabáquico.

O Comité de Prevención do Tabaquismo traballa na guía que se coñecía hoxe e que estará lista no verán, que, como xa se dixo, ten como obxecto de proporcionar ós profesionais sanitarios da área os recursos e circuítos asistenciais imprescindibles para que todos, na medida das súas competencias, poidan contribuír ó establecemento do tratamento do tabaquismo. Inclúe tanto ó persoal sanitario, facultativo e de Enfermaría, como administrativo; e tanto dos centros de saúde como do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies