Home / Ferrol / Ferrol / Profesionais de Psiquiatría e Anestesioloxía do CHUF participan no Consenso sobre a Terapia Electroconvulsiva

Profesionais de Psiquiatría e Anestesioloxía do CHUF participan no Consenso sobre a Terapia Electroconvulsiva

José Manuel Crespo e Fernando Otero (foto: Xerencia Integrada de Ferrol)

José Manuel Crespo e Fernando Otero (foto: Xerencia Integrada de Ferrol)

FERROL360 | Xoves 1 novembro 2018 | 17:14

Profesionais dos servizos de Psiquiatría e de Anestesioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participaron na revisión do documento de Consenso Español sobre a Terapia Electroconvulsiva,que coordina a Sociedade Española de Psiquiatría Biolóxica.

Este Consenso é o resultado do acordo dun grupo multidisciplinar de 73 expertos españois nesta terapia que revisou, reformulou e actualizou un documento vixente dende o ano 1999. A experiencia nesta terapia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol reflíctese no feito de que para este consenso contouse coa colaboración externa dun total de 73 profesionais, fundamentalmente do eido da psiquiatría.

Destes 73, deles seis son galegos, e 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Son o especialista en Psiquiatría, José Manuel Crespo Iglesias; e o especialista en Anestesioloxía e Reanimación, Fernando Otero Ibáñez, único galego dos 9 especialistas en Anestesia que participan.

«Participar implica traballar cos criterios de excelencia que se plantexan», indica o anestesiólogo Fernando Otero. O especialista en Psiquiatría, José Manuel Crespo, engade que «é necesaria unha guía de referencia para o tratamento desta técnica en España».

Estes profesionais forman parte deste circuíto dado que o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol é dos cinco de España que organizan formación en relación con esta técnica». E, coinciden os profesionais, «no noso caso, o grao de colaboración entre Psiquiatría e Anestesioloxía é o que nos distingue, o traballo en equipo é clave, e conséguense mellores resultados para o paciente».

Terapia para trastornos graves

A Terapia Electroconvulsiva consiste en aplicar un estímulo eléctrico cerebral que desencadea unha convulsión de determinadas características Está especialmente indicada nos trastornos depresivos especialmente graves, sobre todo as depresións psicóticas e nalgúns cadros esquizofrénicos.

A decisión de indicar esa técnica baséase en criterios clínicos sobre a gravidade da enfermidade, a consideración de indicacións e contraindicacións médicas, a resistencia a outro tipo de tratamentos, a valoración de situacións especiais ou antecedentes de boa resposta.

Esta técnica ten evolucionado considerablemente, e, segundo se recolle neste consenso español realizado por profesionais que existe ó respecto, o tratamento realízase baixo control anestésico, como miorrelaxación, ventilación asistida e mediante uso de estimulación eléctrica con aparatos computerizados modulares que monitorizan a convulsión inducida por unha onda de pulsos breves.

Na actualidade, un paciente novo recibe unhas doce sesións iniciais, e logo esténdense ou detense segundo a evolución do mesmo. Obtense unha resposta positiva cando remiten as síntomas da enfermidade, e, en moitos casos, redúcese o tipo de medicación que o paciente estaba obrigado a inxerir pola súa patoloxía. Antes da sexta sesión, o paciente comeza a mellorar. Normalmente, nunha media de catro semanas de media conséguese a recuperación.

Este Complexo distínguese igualmente porque se fai tamén técnica electroconvulsiva de mantemento, de xeito ambulatorio. A Terapia Electroconvulsiva é empregada na área sanitaria de Ferrol dende hai 20 anos, foi un dos primeiros centros galegos en incorporala no ámbito hospitalario.

No Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, realízanse máis de un centenar de Terapias Electroconvulsivas ó ano. O traballo en conxunto de Psiquiatría e Anestesioloxía fai que se produza unha mellor adaptación e axuste da dose e do tratamento, e, consecuentemente, afínanse as necesidades de cada paciente. A anestesia favorece tratar a pacientes máis complexos, que a técnica sexa máis positiva e a convulsión de maior calidade, o máis axustada posible ó necesario.

Innovar e dignificar a técnica

Este novo consenso é unha iniciativa encamiñada a xerar evidencia e promover a innovación e a dignificación da súa práctica. Como se indica no documento, a Terapia Electroconvulsiva «segue a ser un tratamento de incuestionable evidencia científica que ten queasumir como retos mellorar a información social sobre a técnica, e coñecer en profundidade os factores implicados na toma de decisións, tanto dos profesionais, para indicar esta terapia, como das persoas para aceptar esta indicación».

O obxectivo xeral do Consenso nacional é «optimizar e homoxeneizar a práctica clínica desta terapia para conseguir as condicións de máxima calidade asistencial e de seguridade tanto dos pacientes como dos profesionais», indican no documento.

Trátase tamén de delimitar os criterios de boa práctica clínica para o uso terapéutico desta terapia e para o seu proceso de aplicación; fomentar e protocolizar a formación na técnica; definir os roles e as responsabilidades dos profesionais implicados; definir o contido dun protocolo clínico sobre esta práctica e introducir a importancia de coñecer a perspectiva tanto dos pacientes como dos familiares, e avaliar a súa satisfacción respecto da técnica.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies