FERROL360 | Luns 7 outubro 2019 | 9:45
O Concello de Valdoviño continúa coa programación do proxecto «Dende os Camiños de Peregrinación ata o Xacobeo», cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco do programa «O Teu Xacobeo». Unha programación que inclúe a proxección este venres da película The Way.
O filme aborda a historia de Tom Avery (personaxe interpretado por Martin Sheen) que representa a un oftalmólogo de renome que recibe a noticia da morte do seu fillo Daniel nos Pirineos. Cando Tom se despraza ata o lugar para preparar o enterro, descobre que Daniel estaba a realizar o Camiño de Santiago e decide entón completar a ruta que o seu fillo non puido facer.
A cita será no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño e no cine fórum posterior á película debatirase acerca de como a película incitou a moitos estadounidenses a facer o camiño e das vivencias que os participantes nas visitas programadas sacaron en relación ao camiño. A entrada é libre, aínda que o aforo está limitado a 180 prazas.
Máis actividades
O 15 de outubro, e no mesmo escenario, o arqueólogo Ángel Concheiro Coello impartirá a charla «Camiños de peregrinación ao longo da historia: camiño de Santo André, Camiño a Teixido e Camiño de Santiago. Recoñecemento social da poboación local». Aínda que a entrada é libre, será requisito asistir á charla para tomar parte nas visitas a Santo André e a Santiago.
E, como broche de ouro ao proxecto, celebrarase unha visita a Santiago de Compostela o 19 de outubro para dar a coñecer aos veciños e veciñas a esencia e xerme do Xacobeo. Incluirá a visita ao Pórtico da Gloria e ao Museo da Catedral, así como un percorrido pola zona monumental.
As prazas están limitadas a 50, o custe é de 10 euros e é preciso inscribirse previamente. Informarase proximamente das datas. Nesta liña, solicitaráselles ás persoas participantes nas visitas a Santo André e Santiago que, finalizadas as mesmas, presenten unha fotografía que recolla o mellor momento do seu camiño nesta experiencia. Imaxes coas que o Concello organizará unha exposición nos vindeiros meses.
Debate sobre el post