Home / Opinión / 'Ferrol Rebelde' / Quintanilla na revolta das mulleres de 1918

Quintanilla na revolta das mulleres de 1918

Roteiro Irmandades da Fala Ferrol

MARCOS ABALDE | ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ | Venres 21 abril 2017 | 13:41

Xuvia, sábado 9 de marzo de 1918. Numerosos grupos de mulleres fartas de tantos abusos deciden apedrar os establecementos dos acaparadores. Entre elas, as obreiras da fábrica de tecidos.

Os comerciantes lucrábanse vendendo o trigo aos países en guerra mentres aquí a poboación sufría a falta de subsistencias e a subida de prezos. Estes caciques non dubidaron en disparar contra as manifestantes. Feren dúas mulleres de bala. Como un regueiro de pólvora, aquel enfrontamento acendeu a indignación por toda a comarca: Ferrol, Caranza, Serantes, Neda, Perlío, Maniños, Limodre, Pontedeume…

As mulleres tomaron a iniciativa: Controlaron estradas, asaltaron comercios, desabasteceron mercados, pararon trens. O pobo indefenso volveu ser ametrallado. Houbo dúas persoas mortas en Ferrol e sete na Feira do Trece, ademais de ducias de feridas e procesadas. Castelao arrepiado deseñou unha estampa para A Nosa Terra.

Segundo os testemuños da época, era impresionante o silencio da manifestación solidaria que saíu da Porta Nova até o cemiterio de Sedes. Alí falaron o anarquista López Bouza e o socialista Filgueira Vieites. Na coroa de flores, unha inscrición: “Os obreiros do Arsenal de Ferrol ás vítimas de Sedes”.

O 25 de marzo o movemento obreiro e agrarista nun gran mitin no Jofre esixen a destitución dos responsábeis da matanza. De entre todos os oradores, só unha muller: Josefina Neira Fernández, dirixente do Grupo Feminino Socialista. Os comerciantes baixarán os prezos. O xefe da Garda Municipal e os alcaldes de Ferrol e Narón vense obrigados a dimitir.

Nun artigo aparecido na Segunda República, Antón Vilar Ponte rememorou estes gravísimos sucesos de 1918. Daquela, el dirixía o xornal coruñés El Noroeste e fora perseguido por denunciar que “unha muller preñada fora conducida a pé varios quilómetros por unha parella de gardas dacabalo entre as protestas das xentes. Xaime Quintanilla, hoxe alcalde de Ferrol, aínda se ha lembrar disto que tamén para el tivo serias consecuencias”.

Non sabemos que “serias consecuencias” tivo para Quintanilla. Con certeza, debeu impactarlle aquel descomunal motín protagonizado polas mulleres de Ferrolterra. Afinais de 1918 Quintanilla e Vilar Ponte asisten á primeira asemblea das Irmandades da Fala de Galiza. Alí aproban o Manifesto Nacionalista de Lugo onde reclaman “a igualdade de dereitos para a muller”.

Aquel marzo sanguento milleiros de activistas colocaron a parroquia de Sedes no mapa dos grandes fitos da loita labrega xunto a Oseira, Nebra, Sofán e Sobredo. Obreiras e labradoras unidas na conquista do pan. A aurora vermella de Petrogrado espreguizaba Ferrol.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*