MARCOS ABALDE | ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ | Venres 7 abril | 18:24
Hai quen cualifica a Carvalho Calero como o pai do reintegracionismo, mais el recusaba este título. Pola contra, considerábase fillo do reintegracionismo e falaba co absoluto rigor que o caracterizaba.
Cando o ilustre profesor era un meniño que brincaba por un Ferrol Vello poboado de peixeiras e ingleses, as Irmandades da Fala xa estimaban a lingua de Portugal como un galego modernizado e nacionalizado.
Lembremos un artigo do propio Xaime Quintanilla:
«Di o meu amigo Taibo que a máis grande autoridade filolóxica para os galegos é o portugués, e é moi certo. Cando teñamos dúbidas en cuestións gramaticais debemos ir recoller as solucións nos poetas e escritores portugueses (…). É unha obriga para os Amigos da Fala descubrir os nosos veciños, que para nós están hoxe máis lonxe que o novo mundo para Colón. Aínda que lles dea noxo aos patriotas da Marcha de Cádiz, somos e debemos ser máis irmáns dos portugueses que dos casteláns. Hai máis fortes ligaduras entre nós e eles, e os nosos pensamentos teñen de ser parellos. Detrás do Miño hai unha gran cultura e por ese camiño temos abertas as portas dun amplo horizonte». (A Nosa Terra, 20 de marzo de 1917)
Cen anos despois as palabras de Xaime Quintanilla manteñen plena vixencia. O noso idioma permítenos abrir as portas dun amplo horizonte. Portugal é un revulsivo para a autoestima lingüística. Irmos á súa descuberta, a nosa obriga.
*Os roteiros ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ guiados por Marcos Abalde son todos os sábados de abril ás 17:00 horas na praza de Amboage e coa entrada de balde. Inscrición previa no teléfono 698 157 414 ou no enderezo electrónico gnl@ferrol.es.