Home / Ferrol / Ares / Recitais, música, teatro e actividades infantís para celebrar o Día das Letras Galegas

Recitais, música, teatro e actividades infantís para celebrar o Día das Letras Galegas

Alumnado do CPI de San Sadurniño participando nunha das actividades do Día das Letras Galegas (foto: Concello de San Sadurniño)

Alumnado do CPI de San Sadurniño participando nunha das actividades do Día das Letras Galegas (foto: Concello de San Sadurniño)

FERROL360 | Martes 16 maio 2017 | 13:09

As comarcas organizan este días unha morea de actividades, pensadas tanto para pequenos como maiores, para celebrar o Día das Letras Galegas. Este ano o escritor Carlos Casares é o homenaxeado e moitos dos actos xiran arredor da súa figura. Tomade nota para non perder ningún.

En Lea Librería Café este martes, ás 19:30 horas, Aurora Varela falará das Letras Galegas. Como xurdiron, persoeiros salientables, as mulleres e as Letras Galegas, entre outros. O acto finalizará cunha lectura de composicións de Aurora Varela e Rosa Martínez. Ademais, desde a libraría informan que este mércores abren de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas e todos os libros en galego teñen un desconto ata o mércores.

O Colectivo Terra, Airiños do Eume e Ateneo eumés celebran unha serie de actos conxuntos polo Día das Letras. Comezan este martes, ás 20:30, na praza Rosalía de Castro de Pontedeume cunha ofrenda floral seguida dun recital de poemas galegos.

O mércores 17 de maio durante a todo o día haberá xogos populares na Alameda. Pola tarde, a partires das 17:00 horas, no patio da Casa da Cultura, concerto das Cantareiriñas de Airiños do Eume e do Grupo infantil Palitroke. Se chove o concerto realizarasé no interior da mesma.

Xa o día 25 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura haberá unha charla sobre Carlos Casares a cargo do xornalista e escritor Ramón Loureiro, coa presentación do libro Casares.

Pola súa banda, o Concello de Pontedeume entregará este mércores o premio do XXVII edición do Concurso de Contos Vila de Pontedeume. Será ás 12:30 horas no salón de plenos do Concello e a continuación haberá unha actuación da A.F.C Orballo na Praza Real. Ademais, durante todo o día haberá xogos tradicionais na Alameda de Raxoi.

E na Asociación de Veciños de Boebre se poderá asistir a unha exposición de traballos de bolillos e pola tarde os máis pequenos poderán gozar tamén de xogos tradicionais e inchable.

Narón, San Sadurniño e Ferrol

O mércores día 17 de maio a Sociedade Cultural Areosa celebrará no Local Social de Piñeiros unha actuación, a partir das 17:30 horas, coa Coral Municipal de Narón e a Coral Areosa. Ao finalizar haberá unha gran queimada para brindar pola nosa lingua. Podedes consultar a programación do Concello de Narón nesta ligazón.

En San Sadurniño proxectarán, tamén o mércores, o documental Contando a Carlos Casares, ás 19:00 horas na Casa da Cultura. O xoves 18 de maio, ás 19:30 horas, Xesús López Valcárcel impartirá a conferencia Carlos Casares e a xeración dos 60, tamén na Casa da Cultura. Ata o 22 de maio, na galería da Casa do Concello, pódese visita a exposición Crónicas da represión lingüística. Galicia, 1936…

No Ateneo Ferrolán celebraán o Día das Letras Galegas o xoves 18 de maio, ás 19:00 horas, cunha lectura de textos de Carlos Casares a cargo de Tino Martínez, Ánxeles Seoane e Carmen Ladra. Tamén haberá unha visualización de As nosas letras con Carlos Casares, realizada por Aurora Varela e Rosa Martínez, que contarán un pouco sobre a historia das Letras Galegas e de Casares.

A Asociación veciñal O Rosario-Inferniño celebrará esta data o venres 19 cunha actuación de musica galega do Real Coro Toxos e Froles. Será no Centro Cultural Municipal Carvalho Calero ás 19:00 horas.

Mugardos, Ares e Valdoviño

Coa gimkana infantil Carlos Casares, o Concello de Mugardos celebrará o Día das Letras Galegas o xoves 18 de maio. Esta gimkana estará centrada na vida de e obra de Carlos Casares e terá lugar na Praza do Concello, en caso de choiva trasladarase á OMIX. Haberá dúas quendas: ás 17:00 horas para nenas e nenos entre 3 e 6 anos e ás 18:00 horas para nenas e nenos de 6 anos en adiante.

A Agrupación Instrutiva de Caamouco celebra con poesía a edición deste ano das Letras Galegas. Da man do Grupo Fantasía haberá un recital poético no que os textos de Carmen Sarmiento e Javier Vilasánchez, dous poestas aresáns, se mesturan con algúns dos versos máis célebres de Rosalía de Castro, coincindo co 180 aniversario do seu nacemento.

A iniciativa tamén conta co acompañamento da mestra de música e pianista Laura Morgade, encargada de poñerlle a nota musical ao recital. O acto celebrarase o sábado 20 de maio ás 18:00 horas. A entrada, como sempre, libre e de balde.

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, conmemorará o Día das Letras Galegas o vindeiro domingo 21 de maio cun completo programa de actividades na Casa da Cultura. A cita arrancará ás 18:00 horas co contacontos de Bandullo Azul e a súa peza Filipa cos contos. Está recomendado para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Entrada de balde.

De seguido, terá lugar a entrega de agasallos ós gañadores do II Concurso de Relato Curto e Debuxo Concello de Valdoviño-Letras Galegas 2017, dirixido á comunidade escolar. E, ás 19:00 horas, concerto homenaxe a Carlos Casares a cargo de Xardín Desordenado. Un recital con cancións nas que se inclúen diversos textos do autor.

Así mesmo, a Casa da Cultura albergará o día antes, sábado 20, o Festival das Letras Galegas organizado pola ACR A Frouxeira. Dará comezo ás 18:30 horas e nel actuarán a rondalla Perla del Río de Perlío e a formación Los Nostálgicos.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies