Home / Opinión / Reflexións sobre o cine

Reflexións sobre o cine

LUIS CALVO | ‘Pensando en alto’ | Domingo 22 setembro 2013 | 14:25

O cine é un dos sinais de identidade que ten mudado moito na nosa sociedade e mesmo nos seus valores. Falar hoxe do cine, ben para a xente nova ou para xentes que pasan do medio século, é coma ver dúas historias totalmente diferentes.

O cinematógrafo nace en plena época industrial. Nos primeiros experimentos animábanse imaxes debuxadas a man que ao facelas pasar rapidamente semellaban unha soa imaxe en movemento. Os irmáns Lumière, no 1895, fixeron a primeira experiencia cun documental no cal se vía a saída dos traballadores dunha fábrica e outro dun tren que semellaba botarse enriba dos espectadores sementando o pánico entre os presentes.

As películas eran mudas e as proxeccións ían acompañadas de música tocada por un pianista e comentada pola voz dun narrador. Así, de comezo, o cine mudo tivo un éxito rotundo por unha peculiar circunstancia social: ao estar baseado na imaxe, non era necesario ter dominio do idioma, converténdose nunha fonte moi importante de entretemento.

A década dos anos vinte foi a época dourada do cine mudo con figuras como Harold Lloyd, Charlot e Buster Keaton. Tamén houbo varios intentos co son no cine, mais o invento definitivo xorde en 1923. Unha gravación de 11 minutos de Concha Piquer é considerada a primeira película sonora en español.

En Ferrol sabemos das primeiras actividades de cine a comezos de 1900, mais é a partires dos anos trinta cando nacen as primeiras salas. A partir dos anos 40, moitos salóns de baile de Ferrolterra se converteron en cinematógrafos, sendo unha actividade moi activa entre os anos 40 e 70. Isto sen falar daqueles ambulantes que cargaban na súa tartana aquelas primeiras «vistas máxicas» para presentar o cinematógrafo en todos os recunchos da comarca.

Esta actividade marcou unha época nos aspectos económico, social e cultural tendo en conta que arredor dela se movía a economía de moitas familias, ao tempo de ser un referente social e cultural durante preto de cen anos. As salas de cine viron pasar moitas xeracións. Cada cine ten a súa propia historia, a súa propia vida construída ao fío de acontecementos e de pequenas historias cotiás que día a día, sesión a sesión, vían pasar os cambios políticos, sociais, económicos e culturais que vivía a sociedade.

Na pantalla branca proxectábanse os nosos soños, que nos devolvían as imaxes de todo un universo de oficios e profesións en cada sesión cinematográfica: empresarios, operadores, acomodadores, taquilleiras, as señoras do ambigú, os cartelistas…

Os cambios sociais dos anos 60 e 70 coa xeneralización da televisión e máis a aparición de novas ofertas de ocio; a chegada do vídeo, nos anos 80; o aumento das canles televisivos e as tecnoloxías relacionadas co ordenador, coma os efectos especiais, que pasaron a ser desenvoltos mediante computadoras, mudaron o cine para sempre.

Se a todo este panorama engadimos a aparición de Internet, coa súa gran oferta globalizadora de ocio, máis a comodidade para ver cine sen necesidade de saír de casa, explícase a baixa e peche de salas, que trae a caída dun sector que durante máis dun século foi unha pequena industria e parte importante na nosa sociedade.

Aos responsables de sacar ao cine desta crise lles recordaría o proverbio chino que di: «Canto máis grande é o caos, máis preto está a solución».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies