FERROL360 | Luns 18 novembro 2019 | 14:12
O Concello de Ortigueira aposta un ano máis por levar a cabo o proxecto veciñal Xanelas do Nadal, que busca fomentar a convivencia e o tempo de lecer compartido entre a veciñanza da vila. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden inscribirse ata o venres 22 de novembro ás 14.00 horas.
Desde o goberno local explican que esta proposta «ten como obxectivo fomentar a relación entre a veciñanza nos días previos ás festas de Nadal, decorando unha fiestra da propia casa e inaugurándoa invitando aos veciños e veciñas a compartir unha bebida quente e algo de picar, cada un na medida das súas posibilidades».
As persoas participantes deben escoller un día, desde o 1 e ata o 24 de decembro, para ser anfitrionas. E é que a idea do Concello pasa porque cada día ás 20.00 horas se inaugure unha xanela e os veciños compartan ese tempo. Para reservar data hai que chamar ao teléfono 981 974 103.
Xanelas do Nadal non é unha iniciativa de carácter relixioso, polo que pode participar calquera persoa independentemente das súas crenzas, explican desde o Concello. Tamén é posible facer unha organización comunitaria entre varios veciños do mesmo edificio.