Home / Deportes / Regresa o programa Ponte en Ruta con Nós, que abre o prazo de inscrición para a primeira andaina

Regresa o programa Ponte en Ruta con Nós, que abre o prazo de inscrición para a primeira andaina

Romero e Barca na presentación do programa (cedida)

Romero e Barca na presentación do programa (cedida)

FERROL360 | Venres 7 outubro 2016 | 14:42

Xa está aberto o prazo para inscribirse na primeira andaina do programa Ponte en Ruta con Nós, da Concellería de Deportes de Narón. Os interesados en participar nesta actividade, que terá lugar o día 23 de outubro e decorrerá pola zona da Cabana en Ferrol, poden anotarse ata o día 19 no polideportivo da Gándara.

O horario para inscribirse é de luns a xoves de 10:00 a 13:00 horas e de 16:30 a 18:30 horas, e os venres de 9:00 a 13:00 horas. Hai que pagar tres euros de custe fixados para o avituallamento e os desprazamentos en autobús ata as zonas de recollida.

O concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, e o coordinador deportivo da empresa Arasti Barca, Miguel López, presentaron esta semana este programa de andainas populares, que principiou o ano pasado en Narón.

Romero explicou que se repite a iniciativa ante o «éxito da primeira edición, na que participaron máis de 1.110 persoas». Ademais, salientou a importancia que ten para o Concello a difusión de hábitos saudables e a erradicación do sedentarismo entre a poboación.

O edil valorou positivamente que logo da primeira edición os participantes organizaron andainas á marxe das que estaban fixadas no calendario. Un dato que «xustifica por si mesmo a continuidade desta iniciativa».

Calendario de andainas

Nesta edición, os roteiros sobardarán os límites do termo municipal de Narón e, así, chegarán tamén a outros puntos da comarca, como Ferrol, Mugardos, A Capela,entre outros. En total, serán oito andainas, unha cada mes desde o presente de outubro ata xuño, coa excepción de decembro.

As datas, que poden variar, así como os itinerarios, por causa de forza maior, son as seguintes: 23 de outubro, 27 de novembro, 29 de xaneiro, 26 de febreiro, 26 de marzo, 30 de abril, 28 de maio e 25 de xuño.

Para participar en cada unha das rutas, as persoas interesadas teñen que inscribirse entre o día 1 e o mércores anterior á andaina no polideportivo da Gándara. En todas elas, o punto de encontro será o polideportivo deste mesmo barrio e, desde alí, un autobús trasladará os participantes á zona na que se desenvolverá cada roteiro.

As persoas participantes recibirán unha cartilla na que a organización irá cuñando a asistencia a cada unha das andaina. Ao remate do programa, o 25 de xuño, haberá agasallos que premiarán, entre outras cousas, a fidelidade ao programa.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies