Home / Cultura / Reivindicar a Rosalía como escritora, pioneira na defensa das mulleres e símbolo de galeguidade

Reivindicar a Rosalía como escritora, pioneira na defensa das mulleres e símbolo de galeguidade

Inauguración da mostra no Pazo da Cultura (foto: Xurxo Lobato)
Inauguración da mostra no Pazo da Cultura (foto: Xurxo Lobato)

FERROL360 | Mércores 7 febreiro 2018 | 11:32

A exposición Airiños, Aires, Rosalía, do fotoxornalista Xurxo Lobato chegou esta semana ao Pazo da Cultura de Narón. Un proxecto coidado e mimado ao longo de tres anos e que é «a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española», asegurou o autor na inauguración da mostra.

Son 55 imaxes de gran formato que nos transportan pola vida e obra da poetisa galega e que «queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra», comentou Lobato. A exposición pódese visitar ata 5 de marzo no Pazo da Cultura, en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Xurxo Lobato salientou que «nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade». O fotoxornalista lembrou que Rosalía «non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea».

Repasando de novo os textos da escritora, Lobato explicou que «ollei unha intelectual, unha feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu país, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela. E unha muller que tamén ama a natureza».

Á inauguración da exposición tamén asistiron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada. Ferreiro salientou o traballo de Lobato, que permite «realizar un percorrido a través das fotografías, pola vida e obra da poetisa e novelista compostelá».

Sobre Rosalía de Castro, a rexedora remarcou que é unha figura universal, que «constituíu todo un exemplo e referencia na súa época, por superar as trabas que supoñía o feito de escribir en galego no século XIX» e engadiu que foi precisamente a valentía de Rosalía a que «contribuíu a manter viva no tempo a lingua galega, reivindicando o seu espazo e dotándoa dun prestixio do que carecía na época».

Pola súa banda, a concelleira de Cultura convidou á veciñanza «a realizar un percorrido a través das imaxes por aqueles lugares e momentos que Rosalía viviu, que Rosalía habitou e que en gran medida foron o xerme que deu lugar á extraordinaria obra que constitúe o seu legado». A edil naronesa destacou ao respecto que «esa obra é a que fai de Rosalía de Castro un referente intelectual e reivindicativo».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*