Home / Sociedad / Naturaleza / Retiran en San Sadurniño un niño de avespas asiáticas

Retiran en San Sadurniño un niño de avespas asiáticas

FERROL360 | Martes 30 setembro 2014 | 20:35

Un niño de avespas asiáticas que se atopaba en Bardaos ao pé das casas foi retirado pola delegación do Eume da Asociación Galega de Apicultura e o Concello de San Sadurniño. Precisamente, a administración local denuncia que a empresa pública Tragsa foi incapaz de facer o traballo por non dispor os operarios de equipamentos de protección axeitados.

Así, explican que hai días que os operarios de Tragsa achegáronse á zona, pero non puideron retirar o niño, polo que finalmente AGA e máis o Concello decidiron poñer fin «a unha situación especialmente perigosa, debido a que as avespas estiveron durante días literalmente enriba dun tellado».

E é que hai que ter en conta que o aguillón dunha avespa asiática pode superar os seis milímetros e que a súa picadura é «dez veces máis dorosa» ca dunha abella, explicou o apicultor que conseguiu retirar o niño.

Retirada do niño

O apicultor accedeu á zona onde se situaba o niño, a sete metros de altura, grazas a un furgón con cesta. Cubriu o niño cun saco de plástico e pulverizou no interior un insecticida capaz de liquidar o enxame en escasos cinco minutos. Pasado un tempo prudente, desprendeuse o niño das pólas e baixouse ao chan, onde os curiosos puideron velo por dentro.

Nel xa só daban mostras de vida centos de larvas dispostas en panais dunha celulosa especial. Trala morte das avespas hai dúas opcións: destruír o niño queimándoo ou gardalo para expoñelo, para o que é recomendable metelo nun conxelador durante algo máis dunha semana.

Por último, colocouse unha trampa caseira no mesmo lugar onde estaba o niño. A construción é simple: unha botella de plástico cun orificio lateral no que se coloca a parte superior doutra botella máis pequena a xeito de funil que facilite a entrada das avespas e que, ao mesmo tempo, lles impida saír.

Dentro bótanse dúas partes iguais de cervexa negra e viño branco -tamén se pode botar zume de arandos-, ata encher unha cuarta parte da trampa, e listo, en dous minutos temos un dispositivo capaz de cazar ás avespas que puidesen quedar.

Desde a AGA-Ferrolterra insisten en que estas trampas deben colocarse preto dos colmeares para protexer ás abellas, principal alimento da velutina. Neste sentido, é importante facerlles ás trampas varios orificios na parte superior duns 5 milímetros de diámetro para que poidan escapar delas tanto as abellas como as avespas autóctonas, moito máis pequenas que a asiática.

Que facer se localizamos un niño

Primeiro hai que asegurarse de que se trata dunha colonia de avespas asiáticas. Ademais do seu tamaño, identifícaas a cor, que é negra case por completo. Teñen amarelas as patas e o final do abdome, cunha característica banda dunha cor amarela apagada. Son boas de diferenciar das avespas comúns, pero pode haber confusión cun tipo de avespa autóctona que tamén é de grande tamaño.

Despois de cerciorarnos de que estamos diante dun caso de velutina, hai que chamar ao 012. Con todo, non está de máis contactar tamén coas delegacións do Eume e de Ferrolterra de AGA nos teléfonos 661 003 616 e 661 378 960, respectivamente.

Momento no que se cubre o niño cunha bolsa plástica para retiralo (foto: Concello de San Sadurniño)

Momento no que se cubre o niño cunha bolsa plástica para retiralo (foto: Concello de San Sadurniño)

Trampa caseira a colocar no mesmo lugar onde estaba o niño (foto: Concello de San Sadurniño)

Trampa caseira a colocar no mesmo lugar onde estaba o niño (foto: Concello de San Sadurniño)

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies