Perspectiva de la villa de Mugardos (foto: Mero Barral / Ferrol360)
Mugardos pon en marcha o vindeiro domingo 13 de outubro unha nova edición do programa «Mugardos Camiña», que organiza en colaboración coa Asociación de Veciños de Montefaro. A iniciativa promove andainas aptas para todo o mundo un domingo ao mes polo propio Concello ou a súa contorna.
As rutas sempre teñen un baixo grao de dificultade para que estean ao alcance da maioría da xente. O «Mugardos Camiña» consta de nove andainas de outubro a xuño de 2020. Para matricularse haberá que pagar 15 euros, cos que o Concello faise cargo, entre outras cousas, do seguro.
Lola González, a concelleira de Cultura, destacou que «é unha actividade cunha gran acollida, á que acoden tamén veciños e veciñas doutros municipios, que promove a vida saudable, as relacións sociais e o coñecemento do patrimonio natural».
Rutas polo Concello
As andainas que se van desenvolver neste último trimestre do ano serán todas polo propio Concello. A primeira, o día 13 de outubro, chámase «ruta da auga» e discorrerá en parte xunto ao curso das augas dos ríos do municipio, o Esteiro e o Río Seco.
A segunda terá lugar o 10 de outubro e nomeouse «dos camiños» porque fará un percorrido pola Seaña e sendeiros da zona rural.
Finalmente, a terceira, coñecida como a das «vilas romanas», está programada para o 8 de decembro e irá pola zona do litoral de Meá ata chegar a Noville.
As persoas interesadas en participar no programa poden inscribirse a partir do 1 de outubro na OMIX,de forma presencial de 09:00 a 14:00 horas, ou ben chamando ao teléfono 981 479 338, extensión 1 ou enviando un correo a deportes@concellodemugardos.gal.
Cada unha das rutas adoita contar coa asistencia de entre unhas 30 e 60 persoas e os percorridos teñen unha duración de entre dúas ou tres horas nas mañás dos domingos e o habitual é quedar no Concello para partir desde alí a pé ou ben repartirse en coches cando o punto de partida está máis afastado.